A Estratexia de Impulso á Biomasa 2014-2020 que facer unha industria punteira

“Temos ante nós unha oportunidade económica que permite o aproveitamento de todo o potencial que ofrecen os nosos montes”, aseverou Feijóo, salientando a aposta, tanto do sector como das administracións, por unha industria que abrangue toda a cadea de valor do produto, que permite fixar emprego no rural e que está en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3, que Galicia presentou en Europa.
Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico lembrou que a Comunidade galega dispón dunhas características naturais privilexiadas, conta con abundante materia prima e cunha elevada masa forestal (o 50% de toda España), que representan “claras vantaxes que Xunta e sector estamos dispostos a aproveitar”. Unhas capacidades que, abundou, “redundarán no despegue da biomasa como fonte de enerxía de presente, pero sobre todo, de futuro, ao tempo que fortalecerán a nosa industria madeireira”.
“Temos ante nós a oportunidade dunha enerxía limpa”, engadiu, unha enerxía capaz de reducir a dependencia enerxética de Galicia dos derivados do petróleo; de mellorar a xestión e o rendemento dos montes galegos, contribuíndo á prevención de incendios forestais; de impulsar o aforro e a eficiencia enerxética en familias, empresas e organismos oficiais en ata 70 millóns € /ano; e de protexer o medio natural, coa conseguinte redución de emisións de CO2. Así, coa valorización de 275.000 toneladas por ano de biomasa que se prevé acadar con esta estratexia evitaríase a emisión á atmosfera de 246.000 toneladas de CO² anualmente.
Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou a importancia dunha Estratexia que permitirá desenvolver unha industria para a que Galicia conta xa cunha base sólida. Temos, “os recursos e a experiencia suficiente para asegurar a calidade e intensidade do subministro. E temos o potencial necesario para garantir a sustentabilidade do recurso”, incidiu.
Conde destacou a oportunidade de, coa participación de todos os axentes implicados, “desenvolver unha verdadeira industria ligada á valorización enerxética dos nosos bosques”, que permita poñer en valor o monte galego favorecendo unha xestión que facilite o seu desenvolvemento económico, creando e fixando emprego no rural, e profesionalizando a xestión forestal.
Incremento da demanda e aposta pola innovación
O presidente da Xunta explicou que a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, “completa e a longo prazo”, marca catro eixes para “alcanzar o futuro ao que queremos chegar e, con realismo, ao que podemos aspirar”, dixo. Respecto ao primeiro deles, Feijóo sinalou que “é realista” pensar que existe unha ampla marxe para incrementar a demanda da biomasa e tamén “vontade da Administración” para que así sexa. A este respecto incidiu en que a estratexia fomentará que concellos, industria agroalimentaria e particulares consuman este combustible, comezando pola propia Administración galega, coa instalación dunha rede de enerxía térmica baseada na biomasa no complexo de San Caetano. “Pero tamén é realista aspirar a unha maior demanda de biomasa porque os datos demostran que as galegas e os galegos están dispostos a confiar nesta industria en substitución dos combustibles fósiles”, engadiu o presidente da Xunta, indicando que así se puxo de manifesto tras a publicación da orde anual de axudas para a instalación de caldeiras, por máis de 9 millóns de euros, que se esgotou en menos de 24 horas.
Feijóo remarcou que, se este primeiro eixe “está en disposición de cumprirse”, é necesario traballar noutros tres, empezando pola mellora da oferta e das capacidades do sector a través da innovación tecnolóxica, algo que, asegurou, “queremos facer conxuntamente”, tanto coa colaboración e implicación dos emprendedores “dispostos a abrise a novas ideas e tendencias”; como coa colaboración do CIS Madeira para propiciar novos proxectos industriais; e co compromiso da Administración –a través das Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar- para “darlle absoluta prioridade a todos aqueles proxectos que introduzan a biomasa como actividade preferente”.
Orixe amparada no selo Galicia Calidade
“Desde a Xunta de Galicia non quixemos limitar ao ámbito técnico e financeiro o noso apoio á biomasa. Pensamos que existe tamén un terceiro eixo fundamental para poñer en valor este sector, que é o referido á orixe e á calidade galega”, abundou Feijóo, destacando que por iso se decidiu incorporar á estratexia unha decisión “das máis importantes”: a de “achegar valor engadido” aos emprendedores que fortalezan o sector “con materia prima de Galicia, creatividade de Galicia e dirección desde Galicia”. Así, as empresas do sector poderán amparar os seus produtos baixo o selo Galicia Calidade para poder recoñecer as condicións relativas á orixe, calidade, produción e sustentabilidade. “É dicir –subliñou-, que tamén a biomasa poida contar cunha certificación que garanta a súa orixe 100% galega.
Como cuarto piar da estratexia está a formación e a divulgación, “o propósito de convocarnos continuamente para seguir avanzando e mellorando día a día”, sinalou Feijóo, obxectivo no que será esencial o papel do Foro da Biomasa que se creará cos axentes económicos, administrativos e sociais do sector.
Importancia do sector da biomasa na recuperación económica
Na súa intervención, o presidente galego situou a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa como unha “ferramenta” que contribuirá a recuperar “os niveis de progreso que tiñamos antes da crise”. “Haberá quen se pregunte se merece a pena esta aposta por un sector aínda por desenvolver en Galicia, e mesmo descoñecido en moitos eidos da nosa sociedade. A resposta é que si”, aseverou, argumentando que limitar a estratexia económica aos sectores históricos “sería insuficiente”. “Tal cousa só nos permitiría, no mellor dos casos –dixo- volver á economía do pasado que se ten demostrado vulnerable ante as dificultades”.
Por iso avogou por atopar “novas ferramentas” para que a recuperación “sexa unha ola á que subirse o antes posible e coa que trazar a economía do futuro”, ferramentas entre as que, dixo, se atopa a biomasa. “O sector da biomasa é unha proba palpable de que temos potencial propio que aproveitar, capacidades propias por desenvolver e vontade para facelo”, aseverou.
“Temos ante nós unha oportunidade galega”, por canto permitirá pechar toda a cadea de valor, “unha enerxía dos galegos, xerada polos galegos e destinada para os galegos”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia