Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Verquidos, a mostra de Berta Álvarez Cáccamo na Casa da Parra de Compostela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na inauguración da exposición ‘Verquidos’, da artista Berta Álvarez Cáccamo, na Casa da Parra; da que sinalou que “vén abundar na evidencia de que os nosos artistas plásticos forman unha vangarda con identidade propia”. Neste sentido, salientou que se trata dunha mostra ”substanciosa da creatividade, que explora camiños persoais, que desenvolve conceptos propios e que, por iso mesmo, contribúe á ofrecernos unha visión dinámica da nosa arte”.

Así mesmo, o conselleiro destacou o labor da Casa da Parra e da Consellería, centrado “no apoio decidido ao que nos leva a unha evolución constante; ao que nos sitúa na primeira liña, como responsables dun legado que formou Europa, mais no que xa se integra o mundo global, animado pola imprescindible diversidade”.

A exposición, comisariada por Miguel Mont, é unha selección de 60 pezas da obra realizada pola artista viguesa nos últimos dez anos, unha etapa na que se explorou a relación entre o debuxo e a pintura, entre a dimensión xestual e os distintos tempos e temporalidades de aplicación. Vinte das pezas están realizadas con técnica mixta e acrílicos sobre lenzos e proveñen de coleccións públicas como a Fundación Aena, a Deputación da Coruña ou a Fundación Abanca; mentres que as corenta restantes correspóndese con series de debuxos sobre papel. Para completar ‘Verquidos’, Berta Álvarez levou a cabo unha intervención mural nos espazos da Casa da Parra.

Cómpre sinalar, así mesmo, que a mostra está a ser analizada e estudada como o punto de partida para a tese de doutoramento ‘Pintura pintada. Un proceso de investigación-creación sobre a mancha abstracta e a súa imaxe’ no Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Vázquez Abad estivo acompañado neste acto, ademais da propia artista, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o comisario da exposición, Miguel Mont e pola técnica de exposicións Pilar Corredoira.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia