Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentación da 20ª etapa da Vuelta a España nos Balcóns de Madrid

No miradoiro dos “Balcóns de Madrid” (Parada de Sil) tivo lugar a presentación da 20ª etapa da “Vuelta Ciclista a España” (Santo Estevo de Ribas de Sil-Porto de Ancares, de 185 quilómetros). O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral da Vuelta Ciclista a España, Javier Guillén; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; a responsable de Relacións Institucionais de Unipublic, Laura Guijarro, e os alcaldes dos concellos polos que discorre a etapa.

O presidente do goberno provincial dixo que este evento deportivo “será un magnífico escaparate para difundir a riqueza do noso termalismo, o Plan Termal que estamos a desenvolver conxuntamente coa Xunta de Galicia, e tamén para promocionar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”.

Esta 20ª etapa da Volta Ciclista a España será a que previsiblemente decida a carreira e contará coa presenza de 22 equipos e das máximas figuras nacionais e internacionais no ámbito do ciclismo, entre as que figuran Alejandro Valverde, Nairo Quintana, Purito Rodríguez, Wiggins ou Horner.

Os organizadores estiman que o impacto dunha etapa da Vuelta sitúase ao redor de 300.000 euros, contando os ingresos directos en hostelería e combustible, entre outros, aos que hai que engadir o impacto mediático e promocional en todo o mundo (chega a 178 países). A 20ª etapa correrase o sábado 13 de setembro, será a penúltima da Vuelta 2014 e percorrerá os concellos de Nogueira de Ramuín (saída en Luíntra), Esgos, Pereiro de Aguiar e A Peroxa.

As persoas acreditadas para seguir a Vuelta, incluíndo aos xornalistas nacionais e internacionais, son ao redor dunhas mil, aínda que a caravana completa, que inclúe equipos, seguridade, organización e prensa, está formada por unhas 2.500 persoas.

En canto aos datos de audiencia, tendo en conta os anos anteriores, o seguimento da Vuelta está en torno ao 17 % de share, o que supón unha cifra próxima aos dos millóns de espectadores só en España.

O lugar escollido para a presentación desta etapa da Volta foron os “Balcóns de Madrid”, en plena Ribeira Sacra ourensá, un lugar que o presidente da Deputación definiu como “a postal de referencia e a imaxe característica da Ribeira Sacra, un lugar dende o que se pode admirar a riqueza da natureza e a enerxía da nosa historia, en definitiva, un sitio onde converxen tranquilidade e grandiosidade: a capital do Patrimonio da Humanidade", dixo Manuel Baltar.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Ourense