Feijóo aplaude que o ministro Gallardón recoñeza as particularidades de Galicia e manteña os patidos xudiciais

Tras o encontro que mantivo no Pazo de Raxoi co titular de Xustiza do Executivo central, Feijóo asegurou que para Galicia hoxe é “un día moi importante, porque vimos que hai un Goberno que entendeu e que aceptou os feitos, e eses feitos son que Galicia pode ter sete tribunais de instancia, un en cada capital de provincia, e outro en Vigo, outro en Ferrol e outro en Santiago”. Segundo afirmou o mandatario galego, os requisitos fixados polo Ministerio de Xustiza para que, cando entre en vigor a reforma xudicial en marcha, poida existir máis dun tribunal de instancia por provincia, cúmprense nas sete principais cidades galegas.
Xunto con isto, o presidente da Xunta celebrou que o Goberno atendese outra das consideracións formuladas desde Galicia, referida ao mantemento dos partidos xudiciais existentes. Estes, sinalou, “obedecen a unha tradición xudicial, a unha tradición xurisdicional e a unha vocación que entendemos que debe permanecer”, a pesar de que se introduzan as “flexibilidades” necesarias. Nese sentido, indicou que “do mesmo xeito que, se hai unha lista de espera nun hospital, un paciente pode ir a outro, se hai un xulgado que ten moitos asuntos, loxicamente, eses asuntos poden derivarse a outro para que o principio de tutela efectiva sexa máis eficaz”.
En terceiro lugar, subliñou que a formulación galega de que se manteñan todos os xulgados abertos na Comunidade fose tamén atendida polo Ministerio e vaia ser posible dentro da reforma da Xustiza.
O titular da Xunta incidiu no agradecemento ao ministro e ao Goberno de España en nome do Executivo autonómico, así como no de todos os axentes sociais e dos profesionais do sector, “por estudar, valorar, reflexionar e atender as propostas obxectivas de Galicia e aceptar que poidan formar parte do proxecto de lei orgánica que se tramite nas Cortes Xerais”.
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo puxo en valor que acometer a reforma xudicial era unha materia pendente desde hai moito tempo e que constitúe “un paso necesario, un paso valente e un paso difícil”, polo que felicitou ao Ministerio de Xustiza por decidirse a levala a cabo.
Resaltou que Galicia coincidiu sempre co Goberno central na necesidade de abordar esa misión de xeito completo, indo máis alá da dotación de medios e reformando tamén a organización xudicial e manifestou a vontade da Xunta de participar activamente no proceso.

Feijóo lembrou que non é a primeira vez que o ministro de Xustiza atende as reivindicacións da Comunidade galega xa que o fixo, tamén, cando deu resposta á petición de endurecemento das penas aos incendiarios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia