Comeza a pilotaxe do sistema de videovixilancia intelixente contra o furtivismo no litoral galego

Probas en dúas fases
A pilotaxe do sistema desenvolverase en dúas fases. Nesta primeira estase a probar o sistema desde longa distancia, a máis de 4 quilómetros da costa, empregando unha das torres de telecomunicación de Retegal. Deste xeito o sistema monitoriza tres escenarios, a zona de porto, bateas e de marisqueo a flote.
Na segunda fase, á volta do verán, o sistema probarase en distancia curta, que permitirá vixiar as entradas e saídas do porto, embarcacións e zona de bateas máis próximas
Funcionalidades do sistema
En ambos casos o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e, ante a detección dunha posible infracción, traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles en tempo real. Ademais, o sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas.
O proxecto garante o respecto á privacidade requirida pola LOPD na monitorización e procesado de vídeo en espazos públicos, empregando técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións. Deste modo, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero sen poder recoñecela de forma inmediata. Esta ocultación será reversible, podendo recuperarse a imaxe orixinal por parte de persoal autorizado cando sexa necesaria a identificación, ou ben a achega da gravación como evidencia en caso de denuncia.
Consorcio de empresas
O Proxecto Videoguard está desenvolvido por un consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coremain, Bastet Seguridad Tecnológica, TRC, Retegal e coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant, cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta, a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI.
A Administración autonómica ten entre os obxectivos da Axenda Dixital 2014.gal a modernización dos principais sectores produtivos e estratéxicos de Galicia coa tecnoloxía como elemento clave. Neste contexto, a Xunta trasladou ao sector tecnolóxico a necesidade de crear solucións específicas para a prevención da pesca e o marisqueo furtivos. Así xurde a posta en marcha do proxecto Videoguard, que busca dar resposta a esta problemática ao tempo que potencia a creación de solucións tecnolóxicas que as empresas que as desenvolven poderán promocionar.
Gabinete de comunicación da Xunta de Galicia