Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Festival de Teatro Galego celebra os seus 25 anos incluíndo por primeira vez espectáculos para bebés

O Festival de Teatro Galego (Fetega) celebra este ano o seu 25 aniversario, incluíndo por primeira vez na súa programación espectáculos para bebés. O evento, que se desenvolverá no Auditorio do Carballiño entre os días 2 e 5 de setembro, conta coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello do Carballiño, e supón o único festival de teatro galego que se organiza na nosa comunidade autónoma, no que se exhiben os principais espectáculos teatrais das compañías de Galicia.

A presentación tivo lugar no Pazo Provincial coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Josi Lage, directora de Fetega; Ernesto Chao, actor de Lagarta, Lagarta; Celso Parada, actor de Teatro do Morcego; Iolanda Muíños, actriz de Obras Públicas, e Argimiro Marnotes, alcalde do Carballiño.

O festival contará este ano con funcións en horario de noite, para o público adulto; de tarde, para espectadores infantís, e de mañá, para bebés. Nas sesións nocturnas as entradas terán un custe de 8 euros e os asistentes poderán gozar de montaxes de gran categoría como Bye, bye, honey, da compañía “Obras Públicas”, galardoada con dous premios “María Casares”. Tamén actuará a compañía “Lagarta, lagarta” co seu espectáculo O país do Pato Donald, unha reflexión dirixida por Xulio Lago sobre a derradeira estación da vida dun profesor de literatura (Ernesto Chao) que vive os seus últimos días entre a realidade e as lembranzas. Finalmente, Misterio Cómico de “Teatro do Morcego”, será outro dos espectáculos que integran a 25ª edición de Fetega, precisamente no ano no que esta compañía cumpre tamén as súas vodas de prata nos escenarios.

Ademais, o último día, 5 de setembro, entregaranse os premios Fetega 2014, nunha gala no que Pistacatro deleitará aos asistentes co seu espectáculo de malabares. Hoxe Josi Lage adiantou que un dos premios, a título de honra, será para Xan Pinal, polo seu labor realizado como precursor e creador do Festival de Teatro Galego.

Rosendo Fernández destacou no acto de presentación o compromiso da Deputación de Ourense con este evento “que nos permite gozar cada ano do mellor do noso teatro”, e Argimiro Marnotes subliñou o feito de que este festival “conta coa singularidade de ser o único das súas características por ser o único especializado en teatro galego”.

Para máis información: www.fetega.com
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense