Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra sobre Manuel Rodríguez López, na Biblioteca González Garcés de A Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, apoia a posta en valor da figura e da obra do intelectual lugués Manuel Rodríguez López a través da súa colaboración cunha exposición itinerante que afonda na figura e na obra do escritor de Paradela. ‘Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro’ é o título deste proxecto expositivo que se pode visitar ata o 7 de outubro na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. .

O acto de apertura da mostra, que tivo lugar esta mañá, contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou o talento de Manuel Rodríguez ao servizo da difusión da cultura e da identidade galegas. O responsable de Cultura cualificou o proxecto expositivo como “unha merecida homenaxe” ao intelectual lucense e ao seu legado.

Mostra itinerante

Na inauguración tamén participaron, entre outros, o fillo do homenaxeado, Santiago Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; Antonio Giz, director de GaliciaDigital; e a directora da biblioteca, María del Mar Lauroba.

A mostra itinerante, conformada por oito paneis dobres nos que se expoñen de xeito gráfico anacos da vida e obra do escritor de Paradela, chega á Coruña despois de percorrer concellos das catro provincias galegas, entre os que se inclúen Paradela, Lugo, Begonte, Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela, así como Cataluña.

A exposición forma parte do proxecto Manuel Rodríguez que GaliciaDigital e a familia do escritor emprenderon no 2012 co apoio do Concello de Paradela, da Xunta de Galicia e da Deputación e Concello de Lugo.

A traxectoria do poeta

A vida do intelectual queda reflectida na publicación dun libro sobre a súa traxectoria, un documento que fai un percorrido pola historia deste emigrante que deixou un inmenso legado a través das súas obras poéticas ou en prosa, así como coa súa colaboración en diversos libros.

Rodríguez López sempre mostrou unha gran preocupación pola cultura e por Galicia, e durante a súa etapa vital en Cataluña desenvolveu un importante labor como cronista dos actos desenvolvidos relacionados con Galicia naquela comunidade.

Cómpre recordar que Manuel Rodríguez López viu recoñecido o seu traballo a través de diferentes e numerosos premios entre os que se atopan o de poesía Meigas e Trasgos de Sarria nos anos 19976 e 1980; o Xosé María Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba, en 1977 e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte en 1985, entre outros galardóns. Ademais foi nomeado fillo predilecto de Paradela o ano no que faleceu (1990) e Lucense do ano 1989.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia