Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta limitará as visitas diarias á Praia das Catedrais co fin de protexer o entorno

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aprobación do proxecto do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, no Concello de Ribadeo, co obxectivo de contar cunha folla de ruta que permita xestionala con acerto ambiental e turístico. “Presentamos unha serie de actuacións para preservar este monumento natural fronte aos riscos que comprometen o seu futuro, co obxectivo de compatibilizar a conservación e os valores ambientais co aproveitamento sustentable como recurso turístico”, afirmou.

Nesta liña, explicou, que o texto aprobado hoxe polo Consello da Xunta é “unha proposta de regulación de todo o que temos que facer desde o punto de vista ambiental, desde o punto de vista das infraestruturas; e tamén para regular o acceso ao público, en períodos de máxima afluencia e de acordo cun cupo que valoramos entre 2.000 e 5.000 persoas, como máximo de visitantes diarios a ese areal”.

Así que, se ben durante o verán a Xunta levou a cabo unha serie de actuacións inmediatas como o reforzo da vixilancia, a mellora da sinalización e a delimitación de sendas peonís, Feijóo precisou que agora se presenta un conxunto de actuacións a medio prazo para “preservar este monumento natural fronte aos riscos que comprometen o seu futuro”. Abundou que se mantén unha “folla de ruta para garantir a biodiversidade, mediante a conservación dos hábitats naturais e das especies de fauna e flora silvestre; para promover un uso público ordenado e compatible coa conservación dos valores ambientais” que motivaron a declaración do monumento natural; e para potenciar “a implicación social na conservación do monumento natural así como a divulgación dos valores naturais, xeolóxicos, culturais e paisaxísticos dese espazo da Mariña lucense”.

De acordo con estes obxectivos, o documento preliminar do Plan de Conservación propón un programa de actuacións, entre as que destacan: a promoción de liñas de investigación para a mellora do coñecemento e inventario de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre; un protocolo de seguimento e erradicación das especies invasoras; un programa de conservación da matogueira costeira, que é clave para o futuro deste espazo e que se atopa en perigo de extinción; a mellora das infraestruturas e servizos existentes; e o regulamento do acceso público.

Deste xeito, e en función dos cálculos previos de capacidade de acollida do espazo, estímase que o límite máximo que se estableza no documento definitivo nunca debe superar as 5.000 persoas diarias, e ás veces, precisou Feijóo, “entendemos que o intervalo debe estar entre as 2.000 e as 5.000 persoas”.

“Imos tentar consensuar ese plan e inmediatamente activalo”, afirmou Feijóo porque, dixo, “queremos contar cunha folla de ruta que permita xestionar a Praia das Catedrais mantendo o valor ambiental e aproveitando ese recurso turístico. O obxectivo, como digo, aprobalo definitivamente no verán de 2015”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia