Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O III Obradoiro Internacional de Tradución Poética reúne en San Simón a recoñecidos poetas internacionais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis co Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, que na súa terceira edición reunirá durante unha semana na Illa de San Simón, en Redondela, sete recoñecidos poetas e, á vez, tradutores literarios procedentes de diversos países.

Baixo a coordinación de Yolanda Castaño e do 13 ao 18 de outubro, Karlis Verdins (Letonia), Katerina Rudcenkova (República Checa), Leire Bilbao (Euskadi), Marilar Aleixandre (nacida en Madrid e cuxa obra literaria desenvolveu en galego), Alvin Pang (Singapur), Catharina Gripenberg (Finlandia) e Cosmin Perta (Romanía) terán oportunidade de compartir un enriquecedor traballo de transvasamento lingüístico dos seus textos aos distintos idiomas presentes no obradoiro, co inglés como lingua vehicular.

Intercambio cultural e proxección da literatura e da lingua galegas
A programación da nova edición do obradoiro foi presentada esta mañá –coincidindo coa véspera do Día Internacional da Tradución–, polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, que destacaron o interese da iniciativa a prol da proxección da literatura galega cara aos sistemas literarios dos escritores e escritoras deste ano, así como do intercambio cultural, que se prolongará tamén a outros espazos a través de recitais multilingües en Pontevedra e Rendondela, e mais dunha mesa redonda na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo.

Respecto destas actividades, Anxo Lorenzo afirmou que constitúen “unha grande oportunidade para o encontro do público lector galego co elenco literario internacional que participan no obradoiro”, ao tempo que fixo fincapé nas oportunidades que ofrece a tradución para a creación de pontes entre as diversas culturas.

Pola súa banda, o secretario xeral de Politica Lingüística incidiu na “importancia desta iniciativa, cuxa terceira edición se asenta xa como cita anual dos encontros culturais e lingüísticos do calendario galego, no tocante ao coñecemento e á proxección internacional da lingua propia de Galicia”.

Na rolda de prensa tamén interviron a coordinadora do obradoiro, Yolanda Castaño, e o editor e tradutor Isaac Xubín, un dos autores do libro resultante do obradoiro de 2013, xunto con representantes do resto de administracións que apoian a iniciativa: a deputada Provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; o alcalde de Redondela, Javier Bas; e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro.

Recitais poéticos en galego e nas linguas orixinais

O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ constitúe unha iniciativa pioneira en Galicia, concibida a semellanza das que se realizan noutros países, que se completa cunha programación de actividades abertas a todo o público e gratuítas. A primeira delas terá lugar o 15 de outubro, ás 20 horas na Casa das Campás de Pontevedra, onde terá lugar un recital poético multilingüe en colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra, cunha mostra do traballo poético dos autores e autoras do obradoiro como do labor de tradución ao galego durante o proxecto.

Ao día seguinte, ás 13 horas, celebrarase na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo unha mesa redonda sobre a tradución poética, que se acompañará cun recital. Outra lectura poética, neste caso de cada un dos poetas no seu idioma orixinal xunto coas versións en galego dos textos recitados, poralle o broche de ouro ao obradoiro o venres 17 de outubro, ás 20 horas, no Multiúsos da Xunqueira de Redondela.

Traballo poético da pasada edición

Ademais, esta tarde, ás 20 horas, no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra terá lugar a presentación do libro colectivo que recompila o traballo de tradución realizado na pasada edición do obradoiro, baixo o título ‘Eno mar cabe quant’i quer caber’.

A Consellería de Cultura e Educación vén favorecendo o intercambio cultural a través da tradución a través doutras iniciativas de grande interese para difundir a literatura galega fóra no exterior, entre as que se inclúen o portal web da literatura galega en inglés Portico of Galician Literature, que este ano ampliou a súa mostra da literatura galega con fragmentos de obras traducidas de cinco novos escritores e escritoras; e a colección Galician Classics, no marco da cal acaba de ver a luz a primeira edición en inglés do poemario ‘Nimbos’, de Xosé Díaz Castro, editada por Small Station Press.

Apoio á tradución de máis de 40 proxectos editoriais

Favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia nou¬tros territorios e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía ga¬lega aos textos producidos noutras linguas son tamén os obxectivos principais da liña de axudas á tradución da Consellería. A través da convocatoria de 2014-2015, cunha dotación económica de 200.000 euros, apoiáronse un total de 43 proxectos editoriais de Edicións Laiovento, Editorial Galaxia, Rinoceronte Editora, Edizer SCP, Small Stations Press e Zalozba Malinc Ales Ciggale.

Deles, 28 son traducións de obras orixinalmente en galego para outras linguas como o inglés, o éuscaro, o catalán, o castelán, o búlgaro e o esloveno, mentres que 14 son traducións ao galego de obras escritas orixinalmente noutros idiomas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia