Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Exposición: Manuel Rodríguez López, no Centro Galego de Barcelona

Na emigración catalana escribíu este autor a maior parte da súa obra, sendo o cronista do Centro Galego que agora acolle a súa exposición e forxador dun vencello cultural e social entre os “Galegos en Catalunya” (así se titulan dúas das súas obras) e Galicia.

A inauguración foi presidida por Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, acompañado pola familia do escritor (Irene, a súa viuva, e os seus fillos Enrique e Santiago); Xavier Cortés, Responsable de relacións da Generalitat coas Casas rexionais; Manoel Carrete, Presidente do Centro Galego; Domingo Balboa, Presidente da Federación de Centros Galegos; o escritor Xosé Lois García, e Antonio Giz, Director de Galicia Digital. Ademais das intervencións dos mencionados, deuse lectura a mensaxes do Alcalde de Paradela, José Manuel Mato, e de Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega. O cantautor lucense afincado en Barcelona, Alfredo González Vilela interpretou temas con letra de Manuel Rodríguez López.

A exposición permanecerá en Cataluña ata finais de ano, percorrendo –despois de dúas semanas no Centro Galego- outros centros galegos daquela Comunidade. Con motivo desta exposición, o Centro Galego de Barcelona acordou nomear Socio de Honra da entidade a título póstumo a Manuel Rodríguez López, distinción que lle será entregada á súa viuva e fillos nun acto a celebrar en Lugo, na Sala Sargadelos, a comezos do mes de novembro.
Xulio Xiz (Galiciadixital.com)