A vaca é un elemento esencial na economía de Galicia e tamén da súa paisaxe e da identidade cultural, di García Herradón

García Herradón realizou estas declaracións na xornada de divulgación científica celebrada este venres na Fonsagrada no marco do ciclo ‘A conservación da natureza, tarefa común’ e que se desenvolveu en dúas sesións, unha matinal orientada ao estudantado do IES Plurilingüe Fontem Albei, e outra, vespertina, a partir das 19.00 horas, no salón de actos municipal de A Fonsagrada. O xornalista Ignacio Rodríguez moderou as dúas intervencións.
O anterior vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo aproveitou a súa presenza na capital fonsagradina, un concello cuxa carga gandeira está está orientada a produción de carne, aínda que tamén é habitual a coexistencia de vacas asturianas nas explotacións familiares, para facer especial fincapé nas razas autóctonas galegas. “A Rubia galega, así como as demais razas autóctonas de vacún de carne, son signo de identidade do país, tal e como o proba a súa adaptación e permanencia no medio”, sinalou. A raza frisona, aínda que é posterior, tamén chegou a Galicia para quedarse, pero xa “como símbolo da globalización”, engadiu.

A singular importancia que de sempre tivo a gandería de montaña para a comunidade galega tampouco pasou desapercibida para García Herradón, que subliñou que este tipo gandería “é básico para fixar poboación no medio rural e para garantir a conservación da flora e da fauna e, xa que logo, do medio natural”, o tema principal destas xornadas que leva adiante a USC por toda Galicia.
A cita da Fonsagrada é a oitava que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. A próxima cita deste ciclo, que percorrerá 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago, será en Cee, o vindeiro venres 24 de outubro. Nesta ocasión, a tamén profesora da USC e directora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) falará do emprego e das aplicación das algas como fertilizante en agricultura.
Gabinete de comunicación da USC