Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Estréase no CGAC o documental Demostration e a exposición de Carlos León

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa no Centro Galego de Arte Contemporánea a peza documental “Demonstration”, ademais de ofrecer a visita comentada pola comisaria da exposición, Agar Ledo, á mostra “Peza de esquina e outros espazos en conflito” e presenta a mostra “A orde das primeiras cousas”, do artista ceutí Carlos León. O martes ás 20.30 h terá lugar unha nova sesión de O Documental do mes. Unha iniciativa da produtora Parallel 40 que ten como obxectivo achegar o xénero documental ao maior número de espectadores posibles e incrementar a presenza do documental europeo nas pantallas cinematográficas. O proxecto inclúe a estrea dun filme documental de calidade, de temática e procedencia diversa en 45 cidades españolas, en Chile e en Arxentina.

‘Demonstration’recolle as protestas que xurdiron no ano 2012 en Barcelona cando os manifestantes congregaronse en diversos puntos da cidade e a policía empregou balas de goma. Ao mesmo tempo, no Teatro del Liceu, representabase o ballet ‘Don Quixote’ de Ludwig Minkus. Nos dous días de folga xeral, 32 estudantes do Máster “Documental de Creación”, da Universidade Pompeu Fabra bótaronse ás rúas coas súas cámaras para rexistrar os feitos desde diferentes puntos de vista, seguindo as indicacións do director ruso Victor Kossakovsky. O resultado foi un filme-ballet no que os personaxes, os sons e as situacións atopados se combinan coa música de Minkus nunha mestura reveladora que produce un efecto imprevisible.

O filme, que ten unha duración de 70 minutos, poderá verse en versión orixinal subtitulada no auditorio do CGAC. A entrada é libre até completar as localidades.

Visita guiada

Este mércores 30 de outubro ás 19.00 h terá lugar unha nova cita do ‘Ciclo de visitas guiadas conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico’.

A comisaria da mostra, Agar Ledo, realizará un percorrido polas salas comentando as claves da exposición “Peza de esquina e outros espazos en conflito”, do artista Diego Santomé.

Para participar non é preciso inscribirse previamente, a visita é gratuíta e partirá do hall do CGAC.

Exposición Carlos León

O venres 31 de outubro ás 20.00 h abrirase ao público a mostra ‘A orde das primeiras cousas’de Carlos León(Ceuta, 1948).Con máis de 30 pezas entre pinturas e esculturas, ista será a exposición máis completa que o artista realice até o de agora en España.

A mediados dos anos setenta Carlos León estivo imbuído no espírito subversivo do grupo Supports-Surfaces. Unha volta á pintura rigorosamente formalista que influído polas súas longas estancias en París e Nova York foi evolucionando até converter o seu traballo nunha das propostas fundamentais da pintura española actual.

Esta exposición explora e vertebra algunhas das series máis recentes do pintor. Nela indaga os xogos que se establecen entre o radical cuestionamento do ilusionismo que propón a súa pintura e a práctica construtiva da súa produción escultórica.

Carlos León obxectualiza o acto de pintar. A chatarra e os refugallos industriais habituais nas súas obras compoñen a súa particular linguaxe. Os obxectos cóntannos a súas historias e revelan a pegada das persoas que os construíron, os empregaron e os desbarataron. O artista toma estes restos industriais como fragmentos de poemas para crear os seus propios versos.

A mostra, comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González- Alegre, ocupará toda a planta baixa do centro e poderá visitarse até o 1 de marzo de 2015.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia