Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha tarxeta-bono prevé fomentar o consumo cultural entre uns 6.000 mozos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, debullou no Parlamento de Galicia os Orzamentos 2015, que supoñen no que atinxe ao seu departamento un lixeiro incremento así como un aumento do peso porcentual de Cultura e Educación no conxunto das contas autonómicas, “en 4,32 puntos sobre o que representaba no ano 2005”. Ao abeiro destas contas, tal e como transmitiu o conselleiro aos deputados, poderase poñer en marcha unha nova iniciativa para promover o consumo cultural entre os máis novos, a través da creación dunha Tarxeta-Bono Cultura Galega, unha liña de axuda directa aos consumidores menores de 30 anos para a adquisición de libros en lingua galega e para a asistencia a espectáculos escénicos programados por compañías galegas, que poderá chegar a arredor de 6.000 persoas. Trátase, sinalou o conselleiro, “dunha estratexia para revitalizar o consumo de produtos culturais entre un sector da poboación especialmente vulnerable nestes momentos de dificultades de acceso ao mercado de traballo".

O programa consistirá na distribución de tarxetas-bono cun custe de 50 euros cada unha, nas que se investirán 100.000 euros, e coas que se agarda mobilizar unha cantidade aproximada de máis de 300.000 euros de consumo nos dous sectores aos que vai dirixido esta iniciativa. “Ademais, vanse procurar descontos extra que as entidades colaboradoras (librarías e espazos escénicos) poden ofrecerlles aos usuarios da mesma. Concretamente, está acordado coa Federación de Librarías de Galicia que as librarías participantes ofrezan un 10% de desconto nos libros adquiridos polos usuarios da Tarxeta-Bono”, indicou Xesús Vázquez.

O reforzo do plantel de profesorado, o mantemento dun servizo educativo público de calidade e a aposta pola investigación universitaria, ao tempo que se blindan os compromisos do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e a continuación das obras en infraestruturas educativas son os principais eixos de actuación dos presupostos en materia de educación expostos hoxe por Vázquez Abad. No que atinxe á Cultura, o conselleiro fixo fincapé no mantemento da rede de museos autonómica, do apoio a institucións como a Real Academia Galega e no impulso ás nosas bibliotecas e arquivos. Así mesmo, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) creará unha nova liña de axudas e manterá as liñas xa existentes, grazas a un orzamento de 10,5 millóns de euros, un 4,6% máis ca no 2014.

Ensino público de calidade

O conselleiro destacou- un incremento nominal de 7,2 millóns de euros no referido ao capítulo I por primeira vez desde 2010, de tal forma que se destinará ao salario dos profesionais da Consellería máis de 1.256 millóns de euros, o 98,3% dedicado a docentes. “Este aumento no orzamento ten por finalidade incrementar, na medida en que evolucione a matrícula, o número de docentes. Aínda é cedo para concretar cifras, pero permitirá aumentar o cadro de persoal para dar cumprimento ás necesidades de matrícula e a implantación do segundo ano da LOMCE”, dixo, lembrando ademais o descenso da matrícula en educación infantil.

Ademais do reforzo do cadro do profesorado, os Orzamentos 2015 manteñen en termos similares as partidas de gastos de funcionamento dos centros educativos, apartado no que o conselleiro salientou un esforzo de xestión importante a través da facturación telefónica centralizada, o aforro en consumo de subministración eléctrica e a conectividade. “Maior conectividade a menor prezo” dixo, lembrando que o número de centros conectados a banda larga no inicio do curso 2008-2009 era de 0, mentres que no 2015 está previsto que preto de 400 (un 31,4%) estean conectados a banda ultrarrápida.

Así mesmo mantense a dotación dirixida á formación permanente do profesorado, que nos últimos anos incrementou nun 10% o número de beneficiados; e as contías destinadas ao programa de equipamento de bibliotecas, plan LIA, atención a bibliotecas escolares e material didáctico dixital.

Ademais, os bos resultados en materia de prevención do abandono –cunha caída da taxa de abandono temperán de case 7 puntos desde o 2009- poderán continuar grazas a unha partida de 16,3 millóns de euros destinada a este fin; ao tempo que se manteñen as axudas á aprendizaxe de linguas estranxeiras e se incrementa no 5,3% o presuposto para que Galicia siga sendo unha das primeiras Comunidades en número de auxiliares de conversa por alumno.

Servizos complementarios e obras

Vázquez Abad fixo fincapé no importante esforzo económico que supón para o seu departamento a xestión dos servizos complementarios, máis de 183 millóns de euros grazas aos que “Galicia sostén a maior rede gratuíta de transporte, é a que presta maior apoio as familias para libros de texto, e sostén, proporcionalmente, a maior rede de comedores con altísimas taxas de gratuidade”. No referido ao programa de axudas para libros de texto, os Orzamentos recollen unha dotación de 11,2 millóns de euros, que se incrementa na súa consignación inicial nun 17,9 %.

No referido á mellora e construción de infraestruturas educativas o conselleiro garantiu as cifras dos proxectos que están neste momento en marcha. Así recóllense as dotacións para o novo IES de Culleredo, cuxas obras están iniciándose cun importe de 2,4 millóns, tamén a dotación de máis de 2 millóns para o IES de Carral, eunha dotación de máis de 500.000 euros para desenvolver a segunda fase do CIFP As Mercedes. Ademais, para o 2015 están incluídos tamén nos presupostos o novo CEIP de Oleiros, a ampliación de o CEIP Otero Pedrayo da Laracha, a ampliación do CEIP Laverde Ruíz en Outeiro de Rei, a reforma do Monte dos Postes en Santiago, a ampliación do CPI Conde de Fenosa en Ares, do novo CEIP de Culleredo, do CEIP Vilalonga, ou o proxecto do Sagrado Corazón en Lugo, “que xa leva un ano de atraso, como consecuencia de que os terreos prometidos aínda non chegaron a pesar de estar prometidos para decembro do 2013”, dixo o conselleiro. Existe tamén crédito para a ampliación do IES Universidade Laboral en Ourense e do IES de Soutomaior.

Universidades e investigación

Vázquez Abad reiterou o compromiso da Xunta co Sistema Universitario de Galicia, cunha achega de máis de 322,7 millóns de euros. Mantense así a contía dirixida a bolsas para o alumnado e mesmo increméntanse nun 0,3% as transferencias correntes ás universidades blindando, por exemplo, os conceptos de subvención fixa ao financiamento estrutural, a que responde a resultados docentes, a de capacidade investigadora ou o apoio aos Consellos Sociais das universidades.

No referido á investigación universitaria a contía increméntase nun 2,5%, ata superar os 49,1 millóns de euros, “nunha lóxica de aposta polo ensino universitario, que complementando o apoio do plan de financiamento, se dirixe cara a excelencia, sostendo una importante rede de equipos de investigación”.

Promoción do galego

Tamén neste eido da investigación, os Orzamentos de 2015 reforzan a partida dirixida ao soporte de estudos e traballos arredor da lingua galega, ademais dos lectorados nas universidades do resto do Estado e do estranxeiro, intensificando e aumentando os acordos con novas universidades en Estados Unidos e Xapón, ao tempo que se chega a outros por medio do Instituto Cervantes para ensinar galego en Pequín. “Por tanto, internacionalizamos a nosa lingua como marca identificadora de Galicia”, dixo o conselleiro.

En total a partida dirixida ao fomento da lingua galega supera os 6,7 millóns de euros, coas que se continuará coa actividade da Rede de Dinamización Lingüística en máis de 160 concellos de toda Galicia e se manteñen nos mesmos termos os convenios coa RAG, co Consello da Cultura Galega, co Instituto da Lingua Galega, ao Centro Ramón Piñeiro, a fundacións e demais entidades que traballan a prol da nosa lingua. Así mesmo, Vázquez Abad anunciou a apertura do Portal Xurídico Galego, “que porá en aberto e a disposición de toda a cidadanía normas consolidadas que impulsen o uso do galego na administración e na xustiza”

Bibliotecas, arquivos e museos

Durante a súa comparecencia o conselleiro salientou tamén o incremento do 3% no departamento de Cultura. Así, na partida dirixida a bibliotecas, arquivos e museos poderán manterse as bolsas de formación neste eido, así como o respaldo económico naqueles conceptos orzamentarios destinados ao fomento da lectura e do libro, por exemplo, ás feiras do libro e ás actividades de dinamización da lectura.

Ademais increméntase en máis dun 30% o crédito dedicado á promoción e difusión dos museos, as axudas á edición en materia de tradución, as axudas a concellos para os investimentos en materia de arquivos e fondos bibliográficos, e o crédito destinado á adquisición dos fondos bibliográficos e novidades editoriais, o que vai permitir a consolidación en 2015 da plataforma de préstamo de libro electrónico Galicia Le, para favorecer a lectura dixital desde a rede de bibliotecas de Galicia.

Patrimonio cultural

Asemade Vázquez Abad explico na Cámara galega que está previsto que o orzamento destinado a promoción e conservación do patrimonio cultural supere os 18 millóns de euros grazas á inxección de fondos como consecuencia da reprogramación dos FEDER do programa operativo 07-13 e a súa incorporación ao exercicio 2015. Así poderán financiarse, o entre outros, a restauración da igrexa de San Pedro de Soandres, na Laracha; da igrexa de Santa María das Areas en Fisterra; da Igrexa de San Salvador en Sarria, así como a Ermida da Nosa Señora das Pías en Sobrado dos Monxes. Grazas a estes fondos europeos tamén se levarán a cabo obras de reconstrución na fachada e na cuberta do conxunto de San Paio de Diomondi, no Saviñao; e o acondicionamento do patio na Catedral de San Martiño de Ourense. Asemade, serán obxecto de restauración e consolidación a Ponte do Porto, en Avión; a Ponte Éntoma e o seus accesos, no Barco de Valdeorras; a ponte da Portela en Vilamartín de Valdeorras; a Ponte Liñares na Lama; a Ponte Fillaboa en Salvaterra de Miño e a Ponte do Demo, en Silleda; e serán acometidas obras de acondicionamento do contorno da Porta Miñá na Muralla Romana de Lugo e a intervención na reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia.

Ademais increméntase nun 47% o investimento para a conservación e protección dos xacementos arqueolóxicos, en un 20% as transferencias correntes para manter as bolsas para a conservación do patrimonio, as achegas correntes ao Museo do Pobo Galego e á Fundación Mar de Galicia, así como as axudas a institucións e entidades sen ánimo de lucro.

Agadic

Outra das liñas de actuación nas que o conselleiro quixo facer fincapé foi a fomento das actividades culturais, para o que a Agadic elevará o seu orzamento a máis de 10,5 millóns de euros. Neste sentido anunciou que está previsto crear unha nova convocatoria das axudas de distribución no que se refire ás artes escénicas e musicais así como para a asistencia a feiras e mercados internacionais, e se manterán as agora existentes. Así mesmo continuará a apoiar a actividade do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego,e a importante tarefa de difusión de fondos que se realiza no Centro Galego das Artes e a Imaxe, tras o cambio de estratexia respecto da súa política de programación.

Así mesmo, as contas do ano próximo permiten manter a xestión de redes e circuítos estables como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas, a Rede Galega de Música ao Vivo, ou o programa “Cultura no Camiño”.

Chamada á política construtiva

Deste xeito o conselleiro convidou á oposición a abandonar o seu ‘leit motiv’ e a facer achegas máis construtivas xa que, “Aínda con agoiros, levamos 5 anos e vai para o sexto, mantendo un sistema educativo que cada curso que pasa é mellor, sen renunciar a melloralo aínda máis”, engadiu, rexeitando tamén as malas previsións feitas por estes grupos en materia de política cultural.

Nota de prensa remitida polo Gabinete de Comunicación do BNG:

O parlamentario do BNG, Cosme Pombo criticou os orzamentos presentados polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez por “continuistas” e contrarios á recuperación económica.

O parlamentario afirmou que as contas do 2015 “asfixian a cultura, o idioma galego e o ensino público” mentres crecen os asesores e persoal externo. “Estes orzamentos non medran”, recalcou, porque educación perde 32 millóns de euros e sanidade 18 millóns.

Cosme Pombo anunciou que o BNG rexeitará uns orzamentos que representan para Galiza, “máis paro, menos cultura, menos educación e menos investimento en ordenación universitaria”.

Neste sentido, lembrou que o desemprego en Galiza sitúase no 20,1% ademais da emigración, “unha lacra gravísima para o noso país”. Os recortes na consellería de Cultura anuncian máis paro tras 3.000 educadores/as eliminados. Os orzamentos presentados hoxe, recalcou, constatan a “consolidación dos recortes”.

No 2013 e 14 producíronse graves recortes que agora no 2015 “afondan” no que xa lle dixen noutros exercicios, son contas que levan “a cultura á sepultura”.

O deputado criticou a falta de profesorado para atender necesidades especificas do alumnado que máis o precisa aínda que conselleiro sega afirmand que está todo cuberto. En Viveiro, explicou, Cosme Pombo, o mesmo orientador ocupa tres ou catro centros e todos os profesores e país sabemos que este ano foi aplicado o “recorte máis grave” neste ámbito.

Como xa sabemos que o PP “con menos, fai máis” a consellería recorta os orzamentos para “liquidar a nosa cultura e o noso idioma”. En cultura recortase no grupo funcional 43 o 5,4% e en normalización Lingüística o 4,8%.

O parlamentario rematou a súa intervención preguntando se os curriculos completos estarán en formato electrónico e “en idioma galego” naqueles centros que o demanden. Hai máis repagos, recortes en FP, acentuase a privatización e tamén o “negocio do ensino público”. Máis recortes tamén nas partidas en primaria e infraestruturas educativas, a universidade perdeu 50 millóns para programas de investigación e persoal. Estes orzamentos Sr. Conselleiro, afondan nos recortes e no paro, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia