O encontro Castelao, nova interpretación do seu pensamento revisa a súa figura

Amais de García Gómez, participaron no acto inaugural o presidente da Fundación Castelao e director do Encontro, Carlos Mella; o director da UIMP de Galicia; Domingo Bello Janeiro; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o alcalde da Estrada, José López Campos.
‘Castelao. Nova interpretación do seu pensamento’
O Encontro “Castelao. Nova interpretación do seu pensamento” diríxese principalmente ao estudo do pensamento de Castelao e á súa aplicación á nova realidade galega, constatando a súa vixencia para a análise desta realidade.
O programa de sesións de hoxe inclúe unha conferencia de Xesús Alonso Montero arredor da estadía de Castelao na Unión Soviética. Mañá, unha de Xusto Beramendi centrada en Castelao e a política abrirá a xornada, seguida doutra de Miguel Anxo Seixas sobre a estadía de Castelao en Nova York e doutra na que Henrique Monteagudo afondará na figura do rianxeiro e o idioma galego.
A derradeira sesión abrirase, o mércores, coa conferencia “Castelao e o home galego”, de Marcial Gondar Portasany; á que seguirá “Que nos queda de Castelao?”, da man de Lourenzo Fernández Prieto. A mesa redonda “Encontros contemporáneos. Virxinia e Castelao”, na que participarán Xosé Neira Vilas, Ana Acuña e Xabier Baltar, clausurará este curso, que se completará cun roteiro polo Pazo de Oca e pola Torre de Guimarei.
Toda a información en http://www.uimp.es/uxxiconsultas/ficheros/5/27083CASTELAO.pdf.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia