A Asociación Galega de Editores promove o XI Simposio sobre o libro e a lectura

No acto de inauguración da xornada, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou que o campo que se precisa gañar para o libro pasa necesariamente por tirar proveito da oportunidade que ofrecen os medios. Tamén se referiu á importancia de “implicar a sociedade nesa consideración da lectura como un activo fundamental do noso desenvolvemento persoal e colectivo para lograr obxectivos novos”. “Nese camiño –dixo–, os medios de comunicación son socios imprescindibles e ese medio novo que é a rede é unha vía de posibilidades infindas”.
Foro de reflexión con xornalistas culturais e escritores
Diversos xornalistas culturais e escritores expoñen as súas experiencias e propostas no simposio, que tamén conta co apoio n de CEDRO e do Consello da Cultura Galega. A primeira das catro mesas programadas, ‘A cultura nos medios. O caso galego’, contou coa participación de Manuel Gago, xornalista cultural e director de culturagalega.org; Xosé Manuel Pereiro, xornalista e codirector da revista ‘Luzes’; e Camilo Franco, xornalista cultural e escritor. A segunda mesa da mañá, ‘O libro e a lectura na rede’, contou con Montse Dopico, xornalista cultural e creadora do Magazine Cultural Galego; César Lorenzo Gil, editor do blog Biosbarda; Nacho Alonso, director de contidos de Fervenzas Literarias e Raquel C. Pico, xornalista cultural e cofundadora de Disquecool.
Pola tarde, o simposio contou con ‘O libro e a lectura na radio e na televisión’, con Ana Romaní, escritora e directora do ‘Diario Cultural’ da Radio Galega; Henrique Sanfiz, xornalista, director de Radio Fene; Kiko Novoa, xornalista e director de Galicia por diante da Radio Galega. Na derradeira mesa do simposio intervirán Santiago Jaureguizar, xornalista de ‘El Progreso’ e escritor; Xesús Fraga, xornalista cultural en ‘La Voz de Galicia’ e escritor; e Carme Vidal, xornalista cultural en ‘Sermos Galiza’.
Ao abeiro dun convenio, Cultura e Educación vén colaborando coa AGE na realización deste simposio, así como noutras iniciativas, entre as que destacan a asistencia ás feiras profesionais máis importantes no ámbito internacional arredor do libro e os Premios da Edición de Galicia, que recoñecen o labor editorial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia