Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Inaugúrase no Museo de Lugo a exposición 'II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea'

Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea é unha proposta do festival internacional “Outono Fotográfico” que ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Alén diso, pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso país que complemente o creado durante máis de tres décadas polo “Outono Fotográfico” mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores/as tanto nacionais como estranxeiros.

O Premio está dotado con 16.000 euros, o que fai que sexa o premio fotográfico mellor dotado da península. Asemade, o premio vai máis alá de agasallar cun montante económico a un autor/a, senón que está pensado para crear un produto cultural que valore o proxecto, que publicite ao autor e que revalorice a creación artística galega. Polo que se concedeu un único premio consistente na produción dunha exposición que itinerará durante cinco anos e na publicación dun libro.

Xurado

O xurado estivo composto por Manuel Segade, curador independente; Juan Curto, galerista especializado en fotografía de Cámara Oscura de Madrid; Vari Caramés, fotógrafo; Xosé Lois Vázquez, Director do Outono Fotográfico; Vítor Nieves, Coordinador da Sección Oficial do Outono Fotográfico e do Premio, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo e Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación universitaria en Ourense.

“Le cirque noir” de Berto Macei é un traballo que colle como escusa o documentalismo fotográfico para distanciarse del cara unha linguaxe máis cinematográfica propia do film noir máis clásico. As fotografías, nun contrastado negro e branco van debullando un circo nas escenas máis cotiás e, malia iso, íntimas destacando aqueles tópicos do cinema negro que pasan polos puntos de vista aberrantes, e até polas personaxes propias desas películas.

“Rururbania Salnés” de José Romay, un territorio hostil onde os límites entre o rural e o urbano foron desleándose achegando o humanizado e o salvaxe, e mesturando o industrial co habitable. Cunha linguaxe de documentalismo fotográfico clásico que nos lembra aos New Topografics, retrata un litoral galego cunha californiana luz vacacional que contrasta irónicamente co desfeitismo paisaxístico-territorial que non estamos afeitos a ver na zona máis turística do noso País.
Deputación de Lugo - Vicepresidencia 1ª