Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Arquivo Dixital Único de Galicia unifica os fondos do patrimonio documental

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que ao longo do ano 2015 entrará en funcionamento a primeira fase do Arquivo Dixital Único de Galicia, que albergará os fondos do Patrimonio Documental galego e favorecerá unha mellor interconexión administrativa no eido da Eurorrexión.

O mandatario autonómico deu conta do acordo adoptado no Consello da Xunta polo que se aproba o marco de referencia do Arquivo Dixital de Galicia que, segundo apuntou, vén ser a estrutura tecnolóxica e organizativa que dará soporte ao modelo de xestión de documento electrónico da Administración pública autonómica.

Feijóo indicou que o Arquivo Dixital de Galicia incluirá dúas áreas diferenciadas: o Arquivo Electrónico Administrativo e o Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental. No que se refire ao primeiro deles, asegurou que se trata da pedra angular da administración eléctrónica, posto que permitirá eliminar o papel na Administración e xestionar e conservar con todas as garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital durante todo o ciclo de vida administrativa.

Sinalou que é clave tamén para a interconexión dos servizos autonómicos cos servizos locais, e que o Centro de Proceso de Datos do Gaiás será o nodo de custodia de toda a información do arquivo Dixital e desde onde se prestará servizo de alonxamento documental ás entidades locais da Comunidade Autónoma.

Servizos administrativos interconectados no marco da Eurorrexión
Segundo dixo, a creación deste arquivo é unha das liñas de traballo do Proxecto de Cooperación Transfronteiriza Arpad, dotado con 4,7 millóns de euros, e que ten como obxectivo a conservación e difusión do patrimonio documental conxunto, e a habilitación de servizos dixitais no marco das relacións administrativas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Trátase dunha iniciativa liderada pola Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta, e as consellerías de Facenda e Cultura, xunto á Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Tui.

Feijóo asegurou que sobre este Arquivo Dixital Único organizaranse unha serie de rexistros interconectados que permitirán que cidadáns de ambos os dous lados da fronteira poidan entregar documentación en calquera rexistro, independentemente da administración de destino.

O obxectivo, dixo, é habilitar servizos públicos en liña, como a factura electrónica ou a plataforma electrónica tributaria para as empresas que teñan actividade comercial transfronteiriza, logrando así axilizar os intercambios comerciais da Eurorrexión.

O Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental de Galicia
Por outra banda, no tocante ao Arquivo Electrónico do Patrimono Documental de Galicia, indicou que comezará coa dixitalización de 50.000 documentos dos Arquivos do Reino de Galicia, do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e do Municipal do Concello de Tui.

“Estamos iniciando unha nova era desde o punto de vista de accesibildade da adminsitración e desde o punto de vista dos arquivos documentais de Galicia, facéndoo coordinadamente coa Eurorrexión”, asegurou, o que acredita esta Comunidade, engadiu, como “unha das eurorrexións máis proactivas do Comité das Rexións Europeo”.

Feijóo concluíu, salientando que a día de hoxe son máis de 500 as oficinas da Xunta de Galicia integradas no Sistema Único de Rexistro e máis de 700 trámites os que actualmente os cidadáns poden xestionar en liña.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia