Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” presentou a memoria de actividades de 2014

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado da directora do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Mariló Fernández Senra, presentou no Museo do Traxe (situado na antiga estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo) a memoria de actividades 2014 do Centro “Xaquín Lorenzo”, entidade pertencente á Deputación e caracterizada por ser unha das máis destacadas de Galicia no estudo, preservación e promoción da nosa etnografía. Proba diso é que nos eventos organizados ao longo de 2014 foron máis de 30.000 as persoas que asistiron as actividades programas polo Centro de Cultura Popular nos festivais, romarías, cursos, obradoiros, exposicións e congresos que se desenvolveron na provincia de Ourense.

Manuel Baltar salientou que a Deputación de Ourense “ten unha personalidade cultural de seu, defendendo, potenciando e promovendo todo o que ten que ver coas nosas tradicións, porque mantendo vivo este coñecemento social dignificamos a nosa cultura, un legado do que temos que sentirnos orgullosos e que temos que seguir preservando”.

O presidente do goberno provincial subliñou que en 2014 cúmprense precisamente 10 anos dende que se lle dedicara o Día das Letras Galegas a Xaquín Lorenzo e 30 dende que se lle outorgara a Medalla Castelao, “un ano, este, acaído para lembrar a intensa actividade do centro de cultura popular que leva o seu nome e que se distingue pola gran actividade desenvolvida polo seu equipo directivo, profesores e alumnos nos ámbitos da danza, os xogos populares, o folclore e a promoción do noso patrimonio etnográfico, no que destaca a Romaría “Raigame” que todos os anos converte a Vilanova dos Infantes no gran parque temático da etnografía en Galicia”.

Pola súa banda, Mariló Fernández Senra destacou que o Centro de Cultura Popular conta en total con 250 alumnos matriculados que levaron a cabo ao longo deste ano actividades como danza, canto e pandeireta, gaita para acompañamento de grupos musicais, cursos de teares, obradoiros de xogos populares no que participaron 1.800 rapazas e rapaces de centros educativos da provincia de Ourense. Ás xornadas de Folclore asistiron unhas 20.000 persoas e á XIII edición da Romaría “Raigame”, máis de 7.000, mentres que o Museo do Traxe, situado na Estación de Santa Cruz de Arrabaldo e que abriu ás súas portas en xuño pasado xa foi visitado por unhas 2.000 persoas.

“Estas cifras son, sen dúbida, moi importantes, pero o mellor de todo é que estas lembranzas, estes anacos da nosa historia e da nosa etnografía, sigan pasando de xeración en xeración, e que os nenos sexan unha cadea de transmisión para que as tradicións permanezan”, afirmou Mariló Fernández Senra, quen engadiu que a mellor maneira de que os máis cativos se enchan da nosa cultura “é facelo dunha maneira lúdica e entretida para eles”.

No acto tamén se presentou o libro A indumentaria tradicional galega. O traxe feminino, unha proposta pedagóxica a modo das antigas “Mariquiñas”, esas famosas bonecas recortables para nenos, das que en España se ten constancia antes de 1850. Cunha coidada edición en láminas de gran formato este traballo editado pola Deputación de Ourense e que se pode mercar nas librarías polo prezo de 5 euros, presenta a historia do traxe feminino tradicional de Galicia ao longo da historia, e achega as instrucións para recortar os modelos e as pezas de roupa e tamén permite deseñar roupa e combinar pezas e cores.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense