Obradoiro de Gaitas Seivane, exemplo da innovación, a calidade e a internacionalización

Conde destacou que esta empresa familiar, con 75 anos de tradición e na que traballa xa a terceira xeración de artesáns, é un exemplo do que significa a artesanía en Galicia, e “forma parte do noso patrimonio”. Na súa visita, o conselleiro subliñou a vocación internacional e de futuro deste obradoiro, a primeira empresa galega na fabricación, comercialización e exportación de gaitas, que chegan desde Cambre ata puntos de toda Europa e de Latinoamérica.
Neste sentido, o Obradoiro de Gaitas Seivane é un exemplo dos retos do Plan de Artesanía de Galicia que ten en marcha a Xunta, e que persegue afianzar a competitividade do sector, consolidar a marca Artesanía de Galicia, e potenciar unha artesanía innovadora e transversal. Esta folla de ruta, á que se destinan 5 millóns de euros e que ten entre os seus obxectivos ata o 2016 incrementar nun 30% as empresas artesás que se inician en procesos de innovación.
A Artesanía de Galicia ten unha importante presenza cada ano nos Premios Nacionais de Artesanía, que entrega o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, e que teñen como finalidade dar o recoñecemento institucional ao máis alto nivel a aqueles profesionais e iniciativas artesás consideradas como excelentes e exemplares no campo da artesanía contemporánea.
Na novena edición resultaron finalistas dúas candidaturas galegas: a artesá Idoia Cuesta, que compite na categoría de Premio Produto, e a Asociación Galega de Artesáns, que opta ao premio Promociona para entidades privadas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia