Remata a programación ampliada conmemorativa das Letras Galegas 2014

Nun acto que se celebrou no Auditorio Municipal Ilduara, e no que participaron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o rexedor celanovés, José Luis Ferro; o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o director da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e mais os tres comisarios da mostra e biógrafos do autor homenaxeado, Luís G. Tosar, Alfonso Blanco e Armando Requeixo, ‘Nimbos de luz’ despediu a súa itinerancia no marco do peche da programación dedicada a Xosé María Díaz Castro.
Rematada a itinerancia, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística anunciaron o acordo entre a Consellería e o Concello de Guitiriz para que a Casa Habanera acolla de xeito permanente a exposición ‘Nimbos de luz’, que xa fora inaugurada neste espazo cultural da provincia lucense o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do nacemento do escritor.
Percorrido por toda Galicia desde febreiro
Da man de ‘Nimbos de luz’, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Editorial Galaxia, a figura, a vida e a obra de Díaz Castro achegáronse á cidadanía en virtude das 17 paradas que fixo a mostra noutros tantos puntos de Galicia. O proxecto expositivo, comisariado por Luís G.Tosar, por Alfonso Blanco e por Armando Requeixo, ilustrounas por medio de 14 paneis temáticos e do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo.
Tras encetar o seu percorrido en Guitiriz e pasar por Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Coruña, Lugo, Ourense, A Rúa, Lalín, A Laracha e Cee, rematará o seu periplo en Celanova, onde se pode visitar no Auditorio Municipal Alduara ata o día 31.
Numerosos proxectos impulsados arredor de Díaz Castro
Amais desta exposición ‘Nimbos de luz’, a Xunta de Galicia, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, despregou unha importante programación de actividades no marco da que viron a luz importantes proxectos arredor da celebración das Letras Galegas 2014.
Un completo programa de propostas coas que a consellería dirixida por Vázquez Abad contribuíu a dar a coñecer entre a cidadanía a figura e a obra de Díaz Castro, así como a poñer en valor un legado literario que deu a lume novidades editoriais inspiradas en Nimbos (edicións conmemorativas; estudos críticos; traducións e versións bilingües ao éuscaro, ao inglés e ao ruso), materiais audiovisuais, webs monográficas, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e na Rede de Dinamización Lingüística, proxectos e iniciativas de promoción e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia e nos centros de estudos galegos do exterior etc.
A Xunta de Galicia tamén apoiou e colaborou con outras iniciativas postas en marcha por diferentes entidades ou institucións (como a RAG, o Consello da Cultura ou a Asociación Xermolos) para contribuír a darlle proxección, reforzo e visibilidade á que foi todo un ano de homenaxes ao guitiricense.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia