Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta de Galicia continúa a estrangular as maltreitas poboacións de salmón en ríos da REDE natura 2000

Dende a Xunta de Galicia estase priorizando a concesión de autorizacións para minicentrais a un ritmo vertixinoso nestes últimos tempos, e curiosamente coincide que o beneficiado para a concesión desta nova minicentral está a ser agraciado con numerosas concesións de aproveitamento hidroeléctrico e eólico, sendo coñecido que esta persoa está moi ben relacionado co presidente da Deputación de Lugo e co Delegado Provincial de Lugo .
Por este motivo, ADEGA acaba de presentar unha denuncia ante a Unión Europea por autorizar a construcción dunha minicentral que afecta a un espacio natural declarado coma Zona de Especial Conservación europea ao estar incluído na Rede Natura 2000. Co agravante de continuar incidindo fortemente nos factores de degradación que son causa do declive das poboacións de salmón atlántico nos ríos galegos, cuestión para a cal a Comisión Europea de Medio Ambiente xa apercibiu en decembro de 2004 aos estados membros da Unión en que fixeran un esforzo para dotar de medidas apropiadas cara a recuperación do salmón dentro da Rede Natura 2000.
Hai que preguntar se esto é o que entende a Consellería de Medio Ambiente coma o xa tan falado, pero descoñecido na súa aplicación, Plan de Recuperación de Ríos e de especies piscícolas ameazadas, e se este é o esforzo e contribución que fan ante as recomendacións da Unión Europea para a recuperación do salmón.
Os responsables da Consellería de Medio Ambiente prefiren desprezar as medidas para recuperar treitos fluviais salmoeiros, a costa de autorizar unha actividade da que xa son conscientes que está a orixinar perdidas. O río Tambre so conta con 8 km. aptos para a presencia de salmón, lamprea e reo, debido ao encoro de Barrie de La Maza. O río Xallas (afluente), que agora se pretende destruír, pasa por ser o único treito fluvial recuperable para incrementar hábitat e frezadeiros no Tambre para estas especies. A solución técnica para recuperar este treito é tan fácil coma a de eliminar varios obstáculos presentes e que dende o momento da súa eliminación permitirían o paso para estas especies.
A Consellería de Medio Ambiente prefire seguir anunciando a bombo e platillo o éxito das repoboacións habituais de troita e salmón e que son a única medida que están a aplicar. Na práctica esto so se fai con vistas a disfrazar as capturas na temporada de pesca e non con criterios científicos de recuperación das poboacións. Precisamente dende a Unión Europea estase a traballar nunha normativa estricta para evitar o procedemento habitual de repoboacións con salmónidos nos ríos, debido as poucas garantías xenéticas e sanitarias para as poboacións silvestres destas especies, e que na práctica é o único que está a facer a Consellería de Medio Ambiente ao respecto.
Adega