Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Os Minhotos presentan o seu traballo discográfico Pinga d'auga, no Conservatorio de Música de Lugo

O grupo lucense OS MINHOTOS presentará seu traballo discográfico PINGA D´AUGA no conservatorio Profesional de Música de Lugo Xoan Montes. O concerto celebrarase o xoves, 15 de xaneiro, a partir das 20:00 no auditorio do Conservatorio. OS MINHOTOS interpretarán, entre outros, os temas do seu disco PINGA D´AUGA e estarán acompañados, en algún dos temas, da Banda de Gaitas Fol Pequeno da Asociación Cultural Cantigas e Frores.

Un total de doce temas compoñen este traballo discográfico que pretende ser, como o nome do mesmo indica, “unha pinga minhota que contribúe a crear ese inmenso mar das músicas feitas neste país”. Moitos dos temas interpretados por OS MINHOTOS son arranxos de temas tradicionais pero tamén hai temas de autor e colaboracións de instrumentistas procedentes de diversas formacións.

OS MINHOTOS é o son acadado e consolidado por un entender a nosa música tradicional, un xeito propio e definido que conxuga festas, pasacorredoiras, ensaios, estudos e reflexión sobor da música tradicional galega. OS MINHOTOS levan moitos anos adicados ao mundo da música tradicional galega, tanto no eido do ensino como no da construcción de instrumentos musicais.

OS MINHOTOS combinan a estética e gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas mesturando o son das gaitas e a percusión tradicionais co timbre da zanfona, o acordeón, a requinta e o clarinete; o seu repertorio e variado e alterna a música de autor coa tradicional.

OS MINHOTOS é o resultado do aprecio de cinco músicos galegos pola música do seu País, Galiza; sen aditivos tanto na forma coma no fondo.

Os compoñentes de OS MINHOTOS son:

· Alberto Castro: Gaita, Pandeiro, Pandeireta, Bombo

· Bruno Villamor: Gaitas (Re, Do, Sol), Zanfona, Requinta, Pandeireta, Tamboril.

· Paula Fernández: Acordeón.

· Vitor Otero: Zanfona, Gaita, Percusións.

· Xaneco Tubío: Tamboril, Pandeiro, Pandeireta, Tixoletas, Ferriño, Bombo
Vítor Otero