O Sergas estimula a doazón de sangue en Galicia para cubrir as necesidades de 2015
O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, doou sangue na unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), que visitou os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro. Antonio Fernández-Campa, que estivo acompañado pola directora do CTG, María Inmaculada Rodríguez Calvo, convidou aos galegos e galegas a continuar doando sangue e lembrou que cada día son necesarias 500 doazóns de sangue.O xerente do Sergas lembrou que son precisas doazóns de todos os grupos sanguíneos xa que, nesta época do ano, pode diminuír a participación nas campañas de doazón de sangue por mor das inclemencias meteorolóxicas propias da estación e tamén porque os meses de inverno coinciden con enfermidades que poden excluír temporalmente da doazón de sangue, como é o caso da gripe.
Reforzar o chamamento
Antonio Fernández-Campa asegurou que resulta necesario revitalizar o chamamento á participación activa da poboación nas campañas de doazón, xa que este xesto solidario está a experimentar un estancamento nos últimos anos. Neste sentido, lembrou as facilidades para doar sangue, salientando a existencia de locais de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas, así como a presenza das dez unidades móbiles do CTG en máis de 50 concellos galegos ao longo da presente semana.
Doazón de médula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de médula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios. Poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
