A película O tesouro de Corcoesto estréase en Bergantiños ante os seus protagonistas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/o_tesouro_de_corcoesto.jpg)
A polémica atraeu a atención de moitos observadores, entre eles a da directora galega Cora Peña, nome asociado ó documental Apash, los de fuera, un traballo de temática paralela, no que se narraban os impactos da industria extractiva na zona xíbara da Amazonía peruana. Nun escenario máis próximo, e tamén de grande beleza, como a Costa da Morte, a directora repite esquema e ofrece a súa cámara á cidadanía, para relatar temores e resistencias ante o asalto do territorio por parte de empresas multinacionais.
Por mor do controvertido da temática, e para garantir unha mirada e realización independente, a produción do documental apostou por unha financiación alternativa, mediante crowdfunding, acadando o apoio de máis de 180 financeiros, entre persoas e colectivos, que decidiron apoiar, de xeito desinteresado, outra maneira de facer cine.
Tras case dous anos de traballo, Tesouro de Corcoesto está finalizado, e estrearase o próximo 7 de febreiro na localidade de Carballo (A Coruña), capital da comarca protagonista na película. Aquí daranse cita entrevistados, mecenas e colaboradores, nun encontro que selará un proxecto audiovisual de marcado carácter social, o que marcará, sen dúbida, o coloquio que terá lugar trala proxección.
Para acudir ó evento é imprescindible invitación persoal. Debido ó gran número de participantes, dende a organización xa se prevé colgar o cartel de “completo”. Pero este tan só será o primeiro de moitos outros pases dun documental que nace con vocación de máxima difusión e baixo o selo de Creative Commons.
Cora Peña