En marcha a terceira edición de Cultura no Camiño, nos concellos das rutas xacobeas

Nestes momentos mantense aberta a convocatoria para os concellos e as formacións artísticas interesadas en participar na nova entrega do programa, cuxa prioridade é incidir na descentralización xeográfica da oferta cultural galega como complemento ás carteleiras dos tres circuítos estables de distribución de espectáculos da Agadic: Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo e Rede Galega de Salas. O seu financiamento realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais inscritas, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada municipio.
Produción e distribución profesional
No caso das compañías escénicas e dos grupos musicais, o prazo de recepción de propostas esténdese ata o luns 23 de febreiro. O trámite realízase a través da web www.galescena.info, onde se poden rexistrar espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo e maxia, así como concertos musicais de todos os estilos, producidos e distribuídos de xeito profesional por empresas galegas.
Con todas as ofertas recibidas, a Agadic comporá o catálogo que se trasladará aos responsables da programación cultural dos concellos inscritos nesta terceira edición Cultura no Camiño. Eles serán os encargados de seleccionar os espectáculos e/ou concertos que se exhibirán nas súas respectivas localidades, cun mínimo de dúas actuacións por concello e a presenza de cando menos dúas disciplinas artísticas diferentes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia