Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O BNG pide medidas para a rebaixa do prezo dos carburantes en Galicia, que ten unha refinería na Coruña

Galiza é produtora excedentaria de enerxía eléctrica e sofre as consecuencias de ter unha refinería na Coruña, sen embargo soporta prezos máis altos pola gasolina e o gasóleo ca media española e non ten unha tarifa propia como Euskadi que beneficie a empresas e familias, pola contra corre o risco de ter que pagar un sobrecoste pola tributación autónomica prevista no sector eléctrico.

Ambas cuestións foron denunciadas na Cámara polo portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen reclamou á Xunta medidas concretas para acadar unha tarifa eléctrica galega e para abaratar o prezo dos combustibles en Galiza onde, segundo un informe do propio Ministerio de Industria, están 44 das 50 estacións de servizo máis caras de todo o Estado.

Esta situación, advirte Jorquera, “non só penaliza aos galegos e galegas como consumidores, senón que tamén lastra a competitividade da nosa economía penalizando ao conxunto do país”. “Somos un país periférico”, subliña, “que o prezo do gasóleo sexa máis alto encarece os custos do transporte e isto significa encarecer o custo dos nosos produtos para poder comercializalos noutros mercados”.

O Bloque critica a “inacción política” do Goberno de Feijóo en dúas cuestións tan relevantes para o país, e cuestiona algunha das medidas anunciadas como abrir surtidores nas grandes superficies, “que concentraría aínda máis a demanda nas grandes superficies coa conseguinte afectación ao comercio local e a destrución de emprego”, advertiu.

Por contra, o BNG aposta por medidas estruturais que poñan fin a falta de competencia efectiva no mercado de carburantes “como unha maior regulación pública, que poña fina a alta concentración do mercado nunhas poucas empresas, creando unha situación de auténtico oligopolio”.

Jorquera advertiu que Galiza ten un problema de “desvantaxe competitiva”. “Énchense a boca coa palabra competitividade, apelan a este concepto cando se trata de rebaixar salarios e, en cambio, parecen esquecerse do impacto dos custes do transporte, dos custes da electricidade ou dos custes da financiación, polas dificultades de acceso a crédito, á hora de restar competitividade ás nosas empresas”, concluíu.
Gabinete de Comunicación do BNG