Manuel Rodríguez López, no Colexio de Paradela
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/manuel_rguez_lopez_ies_paradela.jpg)
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no concello lugués de Paradela nos actos de homenaxe a Manuel Rodríguez López, organizados no marco do Proxecto Manuel Rodríguez López -que impulsan Galicia Dixital e mais a familia do escritor coas colaboracións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Real Academia Galega, do Concello de Paradela e da deputación luguesa- co gallo do 25º aniversario do pasamento do poeta.
O acto central, no que se inaugurou a exposición ‘Manuel Rodríguez López. Emigrante galego-poeta obreiro’ e se fixo un recitado escolar de poemas do autor, desenvolveuse no CEIP San Miguel e contou tamén coa participación do alcalde de Paradela, José Manuel Mato; do director de Galicia Dixital, Antonio Giz; e da viúva do escritor, Irene López.
A continuación, celebrouse unha ofrenda floral no cemiterio municipal, onde está soterrado este poeta, cronista e tradutor falecido o 13 de febreiro de 1990.
A mostra ‘Manuel Rodríguez López. Emigrante galego-poeta obreiro’ regresa a Paradela logo de arrancar a súa itinerancia neste concello e percorrer os de Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Vilalba, Begonte, Sarria, Portomarín e Barcelona. A vindeira parada deste proxecto será Madrid, onde a acollerá a Casa de Galicia a partir do vindeiro 4 de marzo.
----------
Abriuse para os alumnos do colexio a exposición “MANUEL RODRÍGUEZ LOPEZ, emigrante galego-poeta obreiro” que, dentro do Proxecto Manuel Rodríguez López, ten xa sido presentada en Lugo, Santiago, A Coruña, Vilalba, Begonte, Sarria, Portomarín, Barcelona, e mesmo en Paradela onde comezou o seu percorrido itinerante. Nesta ocasión, a exposición acode ao Colexio da capital do concello, onde todos os alumnos recibien cadanseu exemplar da Antoloxía poética de Manuel Rodríguez, xunto co folleto que recolle íntegros os contidos da exposición.
O proxecto Manuel Rodríguez López, impulsado por Galicia Digital xunto coa familia do escritor, conta co apoio do Concello de Paradela, Deputación Provincial de Lugo-Vicepresidencia 1ª, Xunta de Galicia e Real Academia Galega.
A exposición itinerante, despois de permanecer varios días no colexio de Paradela, viaxará a Madrid, onde será inaugurada na Casa de Galicia, o 4 de marzo.
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/manuel_rdguez_lopez_flores.jpg)
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia