Árbores autóctonas conformarán o Bosque de Galicia, na Cidade da Cultura
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/bosque_de_galicia_cidadecultura.jpg)
Feijóo, que visitou os traballos de plantación, afirmou que as preto de 5.000 árbores plantadas ata o de agora forman parte das 6.000 que se plantarán ata o mes de abril e que conformarán, xunto as que xa había na zona, este bosque formado por un total de 24 hectáreas, “que servirán para conectar Santiago a través dun camiño verde coa Cidade da Cultura”, incidiu.
Ademais de mellorar a calidade de vida dos composteláns e reforzar o atractivo da cidade ante os visitantes, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que este bosque funcionará como unha alfombra verde que guiará os visitantes ata a Cidade da Cultura, conseguindo que esta quede aínda máis integrada en Santiago de Compostela.
“En definitiva, un bosque representativo do que queremos facer en Galicia: bosques con árbores autóctonas que engrandezan a paisaxe preto das cidades e que sirvan de pulmón, de osíxeno así como de lugar de ocio”, engadiu
Feijóo salientou que este proxecto favorecerá a biodiversidade e o metabolismo da capital de Galicia e avanzou que, logo desta primeira fase, iniciarase unha segunda na que se construirá unha escaleira para acceder a pé ao monte Gaiás desde o Sar e farase noutra ladeira unha zona de cultivo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia