O Pazo de Xelmírez reúne unha escolma de arte europeo dos séculos XIII e XV
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/arca_relicario_martires_marrocos.jpg)
Dita exposición ilustra a vida de San Francisco e os inicios da orde franciscana nun achegamento ao século XIII no que se desenvolve e ubica o principal expoñente da arquitectura gótica civil en Galicia.
Os contidos da mostra, expresados a través da escultura, pintura, restos arquitectónicos, documentos e ourivería dos séculos XIII e XIV, dialogan cos espazos do Pazo de Xelmírez integrándose así o espazo expositivo como unha peza máis desta exposición.
A mostra conta con grandes pezas da cultura occidental chegadas desde Italia, Francia, Portugal, Castela e León, e Galicia: pintura mural, pintura sobre táboa, escultura en granito, pedra calcaria e madeira policromada, ourivería, documentos, manuscritos medievais, etc.
Deste xeito, este gran proxecto expositivo constitúe un gran esforzo para amosar o espírito franciscano en harmonía co xacobeo, a lembranza de San Francisco e os seus irmáns no Camiño de Santiago, e a evocación da ruta de peregrinación a Compostela na Baixa Idade Media, no tempo do santo de Asís.
“San Francisco e o seu tempo” converterá así a Santiago de Compostela, unha vez máis, no epicentro artístico e cultural.
A arca-relicario dos Mártires de Marrocos
A arca-relicario dos Mártires de Marrocos é unha das pezas máis significativas da exposición "San Francisco e o seu Tempo". Procedente do Mosteiro de Santa María de Lorvâo, consérvase dende a desamortización no Museo Nacional Machado de Castro.
A peza goza da máxima consideración do Estado portugués, polo que está considerada Patrimonio Nacional.
Esta arca, que constitúe un exemplo de escultura tumular, abre o capítulo da escultura gótica, constituíndo o mais antigo documento iconográfico que testemuña o culto aos cinco mártires franciscanos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia