Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Bocaberta estrea o espectáculo infantil A tropa trapalleira

O venres 10 de abril, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, a partires das 18.30 h, a estrea do espectáculo infantil A Tropa Trapalleira (Pequena trapallada e algunha que outra batalla), da compañía de teatro BocAberta.
BocAberta é unha compañía de recente creación nada en Compostela e cuxo eixo central é facer teatro por e para o público. Carla Capeáns, Roi Méndez e Beatriz Méndez, fundadores da compañía, aspiran a crear unha linguaxe teatral propia, próxima e recoñecible. Con Express Arte, o primeiro espectáculo da compañía, buscaban divertir, emocionar e facer reflexionar ao espectador sen esquecer nunca que el é o porqué do teatro.

De esa idea nace tamén A tropa Trapalleira (Pequena trapallada e algunha que outra batalla), o segundo espectáculo da compañía e o primeiro dirixido ao público infantil e familiar. A peza, dirixida e protagonizada por Beatriz Méndez, Carla Capeáns e Roi Méndez, é unha adaptación do texto de Tomás Afán “Pim, pam, clown”.

A Tropa Trapalleira formada por Rosiña, Laranxiño e Mariña, presentan “Pequena trapallada e algunha que outra batalla”. Un espectáculo para nenos e nenas de 6 a 99 anos, 100% dinámico e colorista que nos fai reflexionar sobre o absurdo da guerra e as súas consecuencias. A través do traballo corporal dos actores, que bebe da farsa e da Commedia dell’arte, e apoiándose na música e na videocreación, constrúen un universo de diversión no que se poñen en valor cousas tan importantes como a amizade, o respecto, o compañeirismo e o amor. Un catálogo de trapalladas bélicas que, a través do humor, pretende invocar á tolerancia e á solución pacífica dos conflitos como bálsamo necesario nestes inquedantes tempos armados.
A billeteira da Casa da Cultura do Milladoiro abrirá ás 18.00 h. e o prezo da entrada é de catro euros para maiores de 12 anos e de dous euros para menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos.

SOBRE A COMPAÑÍA
Os fundadores da compañía, Beatriz Méndez, Carla Capeáns e Roi Méndez levan traballando xuntos ao redor de 6 anos, primeiro na Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela dirixida por Roberto Salgueiro e logo na compañía de teatro afeccionado NNC Teatro.
Na actualidade, BocAberta é compañía residente da Universidade de Santiago de Compostela.

Beatriz Méndez
Actriz e directora con formación teatral moi diversa como comedia dell’arte, técnica vocal e dirección. Imparte o taller de teatro: 4ª Parede da Concellería de Xuventude do Concello de Santiago de Compostela. Actualmente traballa como actriz no espectáculo infantil “Ra, Ra, Ra” escrito e dirixido por Cándido Pazó.

Carla Capeáns
Actriz, contacontos e crítica teatral con formación en diferentes técnicas interpretativas como a Commedia dell’arte ou a interpretación ante a cámara. Escribe o blog www.teatrogalego.com e actualmente traballa como actriz no espectáculo infantil “Ra, Ra, Ra” escrito e dirixido por Cándido Pazó.

Roi Méndez
Actor e director cunha formación teatral que vai dende a dirección e interpretación ata a técnica vocal, destacando o seu interese polo traballo corporal do actor. Neste eido acumula unha ampla formación con mestres como Gonçalo Guerreiro, Massimo Malucelli ou Carlos García Estévez.

FICHA ARTÍSTICA
ELENCO:
Beatriz Méndez como Rosiña
Carla Capeáns como Mariña
Roi Méndez como Laranxiño

TEXTO ORIXINAL: "Pim, pam, clown", de Tomás Afán
DIRECCIÓN, ADAPTACIÓN, ESPAZO SONORO, ILUMINACIÓN, VESTIARIO E ESCENOGRAFÍA: BocAberta
BROCHES: Pingas de Fieltro
MAQUILLAXE: Beatriz Méndez
ASESOR VOCAL: Pablo García Ferradás
MÚSICA: Andrea Méndez e Pablo G. Ferradás
VIDEOCREACIÓN E DESEÑO GRÁFICO: Roi Méndez
DISTRIBUCIÓN: Carla Capeáns

AGRADECEMENTOS: Manuel Fidalgo e Roberto Leal
COLABORA: USC, Calzados Víctor, Bicos de Papel e Pingas de Fieltro

FICHA TÉCNICA

PÚBLICO: Infantil e familiar (de 6 a 99 anos)
IDIOMA: Galego
DURACIÓN: 55 minutos
Carla Capeáns (Bocaberta)