Estréase no Salón Teatro da capital galega a obra en coprodución Ganas de ouvear
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/ganas_de_ouvear.jpg)
A montaxe, que xorde coa vontade de animar a xuventude a se achegar á poesía, foi presentada este mediodía nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director do CDG, Manuel Guede Oliva, así como Dani Salgado e Joan Giralt. Ambos os creadores comparten tanto a interpretación como a dramaturxia da peza que, que –xunto cos textos tomados de Pexegueiro e Comadira– inclúe referencias á filmografía de Jean-Luc Godard.
Experiencia pioneira
Todos eles coincidiron en subliñar o papel pioneiro deste proxecto partillado entre as compañías públicas de Galicia e Portugal que, como explicou o secretario xeral de Cultura, senta as bases para o establecemento de pontes de contacto cara a un diálogo máis fluído e habitual entre ambos os seus sistemas teatrais. Así mesmo, esta iniciativa entronca coa dinámica de colaboración que o CDG mantén coa escena lusófona a través do traballo en parcería con estruturas homólogas e con compañías privadas.
Anxo Lorenzo incidiu tamén nalgunhas das características que, desde o seu punto de vista, poñen en valor a singularidade de ‘Ganas de ouvear’. Destacou, por exemplo, a reciprocidade lingüística entre o galego e o catalán, tanto no proceso de creación como no resultado final, e o seu tratamento da poesía desde o teatro, de xeito que o espectáculo “constitúe unha ferramenta para a promoción da poesía entre todos os públicos, nomeadamente entre a xuventude, a través dunha posta en escena moi actual”.
A montaxe contribúe igualmente a promover o labor de profesionais que asumen o seu traballo escénico como extensión da súa actividade docente nas aulas, tal e como fan os dous artífices principais de ‘Ganas de ouvear’, Dani Salgado e Joan Giralt, ambos profesores da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.
De feito, esta montaxe ten o seu xermolo cando os dous reciben a encomenda de cotitorizar un proxecto final de carreira que ten como referente o texto ‘Hipatia’, de Alfonso Pexegueiro. A natureza poética desta obra provoca un forte rexeitamento en Salgado, mais non pode renunciar ao traballo. Por outra banda, Giralt quere fuxir da escola e, para tal fin, prepara un curso de ferramentas didácticas aplicadas a textos poéticos, tomando como referentes tanto a obra de Narcís Comadira como a filmografía de Jean-Luc Godard.
Ao longo da peza vemos como evoluciona tanto a preparación do curso, como o proxecto ‘Hipatia’. Ademais, os dous traballos levarán os profesores a se confrontaren coa súa función como docentes e coa maneira na que contemplan tanto a poesía como a arte do teatro.
Salgado e Giralt asumen tamén os labores de interpretación nun espazo escénico creado por Laura Iturralde e Montse Piñeiro, deseñadoras así mesmo da iluminación, o vestiario, a liña gráfica e a videocreación que se exhibe no escenario. A compañía galega Catrocadeiras foi a encargada de xestionar a produción.
Horarios e venda de entradas
O Salón Teatro ofrecerá un total de catro funcións de ‘Ganas de ouvear’, programadas ás 20.30 horas do xoves ao sábado, e ás 18.00, o domingo. As entradas están xa á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal de Santiago, aberto ata o sábado de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do inicio de cada representación.
O espectáculo tamén forma parte da oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Agadic. O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de cinco funcións a elixir entre todas as desenvolvidas en 2015 no marco deste programa promocional.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia