A mostra Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), un faro na construción de Galicia, percorre 22 concellos galegos
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/filgueira_valverde_expo.jpg)
A mostra, que ten unha versión ampliada sita no Museo de Pontevedra, conta con dúas versións itinerantes que a Consellería de Cultura e Educación e mais a Deputación da Coruña levarán a un total de 22 localidades das catro provincias. Deste xeito chegará, da man da Deputación, a 9 puntos de Pontevedra mentres que a Xunta programará unha itinerancia parella noutros 13. En concreto, a Consellería, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, levará desde hoxe mesmo e ata o vindeiro 19 de decembro a mostra a 13 concellos das provincias da Coruña, Lugo, e Ourense, complementando o traballo realizado pola Deputación de Pontevedra.
No acto de hoxe interviñeron, ademais do conselleiro, o alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández; a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, José Fernando Filgueira Iglesias; o académico da RAG Xesús Ferro Ruibal; e os coordinadores da mostra: Carlos Valle e Ana Mª Costas. Tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Programa
Logo da apertura ao público da mostra principal, que se pode visitar ata o 24 de maio no Museo de Pontevedra, a compostelá Biblioteca Ánxel Casal acolle a primeira parada do proxecto expositivo itinerante co que se achega á cidadanía a figura, a vida e a obra de Filgueira.
A exposición estrutúrase en dous bloques. No primeiro revísase cronoloxicamente a vida de Xosé Filgueira Valverde. No segundo realízase un estudo monográfico dos aspectos máis definitorios da súa densa e longa traxectoria como intelectual e como figura pública comprometida co seu tempo, e fálase da súa terra e as súas xentes. A mostra acompáñase dun amplo folleto de 12 páxinas no que compilan os datos esenciais e que se entregará a todos os visitantes.
Concretamente, a Xunta de Galicia levará a mostra ‘Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia’ aos concellos de Santiago de Compostela (Biblioteca Ánxel Casal), A Coruña (Biblioteca González Garcés), Foz (Centro Cenima), Melide (Casa da Cultura), Boqueixón (Casa do Concello), Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal), Lugo (Biblioteca Central Territorial), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Central Territorial).
Actividades complementarias
Así mesmo, Román Rodríguez explicou que Cultura e Educación porá en marcha diversas actividades didácticas e divulgativas que complementan esta mostra. Por unha banda, nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística que acollan a exposición, ofrecerase a xincana escolar Filgueira Valverde na voz da xente, “que –en palabras do titular de Cultura− lle achegará ao alumnado a figura do autor mediante unha actividade lúdica, participativa e didáctica.” Por outra, desde onte todo o mundo pode acceder a través do web de Cultura (cultura.gal) ao documental Contextualizando a Filgueira, “unha revisión –explicou Román Rodíguez− que nos achega conversas entre familiares, amigos, especialistas e investigadores da cultura galega, e nos revela distintos aspectos da vida de Filgueira en relación coa súa época.”
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia