O CGAI proxecta ata o 26 de maio 7 obras da cineasta francesa Claire Simon
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/claire_simon.jpg)
O ciclo, que inclúe pases dobre de cada un dos títulos seleccionados (ás 18.00 e ás 20.30 horas), está programado en colaboración co Festival Play-Doc, encontro que desenvolveu a súa última edición en Tui do 22 ao 26 de abril con Claire Simon como artista internacional homenaxeada.
As primeiras proxeccións de Simon no CGAI serán o 19 de maio, con ‘Les patients’, filme resultado do acompañamento durante un mes da cámara de Simon a un médico de familia a punto de xubilarse na súa consulta dunha pequena cidade de provincias; e ‘Récréations’, película filmada no patio de recreo dunha gardería, que constitúe un pequeno tratado filosófico sobre a vida en sociedade.
A estas dúas entregas seguiranlles o mércores 20 ‘Coûte que coûte’, a peripecia da apertura dunha pequena casa de comidas; o xoves 21 ‘Ça brûle’, sobre o namoramento que xorde entre Livia e o bombeiro que a socorre cando esta sofre unha violenta caída de cabalo; o martes 26 ‘Geographie humaine’ e o mércores día 27 ‘Gare du Nord’, estas dúas últimas ambientadas no cruce de camiños e de vidas que se produce día a día coa coñecida estación parisiense como escenario.
A realidade como punto de partida
As longametraxes, todas elas realizadas entre 1989 e 2013, reflicten a personalidade artística da autora, quen utiliza o campo do real (o patio de recreo, unha estación ou unha personaxe) como punto de partida ben para construír unha historia inventada ou ben para se desdobrar formalmente entre realidade e ficción.
Ademais, na extensión en Ourense que mantén o CGAI xunto coa Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo, a Biblioteca Pública Nodal acollerá tamén a obra de Claire Simon. En concreto, ‘Coûte que coûte’ poderá verse mañá 18 de maio; ‘Mimi’ o día 25 e ‘Gare du Nord’ o 1 de xuño.
A vida dos Chévere
O CGAI fará unha parada na atención continuada que nos próximos días lle prestará a Claire Simon para ofrecer o sábado 23 de maio a proxección do documental ‘A viaxe dos Chévere’, do realizador galego Alfonso Zarauza, premio Mestre Mateo 2015 á mellor dirección polo filme ‘Os fenómenos’.
‘A viaxe dos Chévere’ é un achegamento filmado ao traballo e á vida dos compoñentes desta emblemática compañía escénica galega, galardoada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co Premio Nacional de Teatro 2014. A través dunha mirada moi persoal e poética que mestura teatro e cinema, Zarauza reflicte o material conseguido no seu acompañamento diario durante varios meses aos Chévere. A proxección será na sala do CGAI (Durán Loriga, 10) ás 18.00 horas, dentro do apartado Off Galicia, e con entrada gratuíta.
A programación completa pode consultarse na web www.cgai.org
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia