Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA reitera a súa oposición á consolidación de Celulosas en Pontevedra

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alégrase da retirada do proxecto de construción dunha papeleira en Pontevedra que suporía a consolidación do complexo de ENCE. ADEGA felicita á sociedade pontevedresa e ao goberno municipal encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores por este logro a favor da calidade de vida e do desenvolvemento sostíbel. Asemade, esixe ao Goberno central que non posibilite de xeito ningún a futura integración dos terreos que ocupa o complexo Celulosas-ELNOSA no dominio da Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra.
Despois de moitos anos de oposición pacífica e tenaz de todo o movimento ecoloxista, despois de desmontar durante anos as mentiras de ENCE, despois de calar toda a información falsa xerada só polo poder económico derivado da factoría conseguiuse, unha vez máis, gañar unha batalla contra un grave foco de contaminación. O proxecto de fábrica de papel tisú só transformaría un 5% da produción da celulosa. Con este proxecto,  a verdadeira pretensión de ENCE é consolidar a fábrica de pasta en Lourizán mais aló do ano 2018, ano de vencimento da concesión dos terreos  públicos onde se asenta na actualidade.
A pesar de ser unha fábrica moi contaminante, de ser extremadamente perigosa para as cidades de Pontevedra e de Marín, de acabar coa riqueza da ría, de prexudicar a saúde humana e de ser a principal causa da eucaliptización de Galiza, é lamentábel que haxa grupos e persoeiros capaces de defenderen as ilegalidades e as trapalladas que fagan falta a prol do capital pasteiro. Neste senso, ADEGA recibiu con estupor a iniciativa de Portos do Estado (dependente do Ministerio de Fomento) de solicitar informes para vincular os actuais terreos de ENCE á Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra, para así garantir a continuidade do complexo. ADEGA rexeita frontalmente esta iniciativa, debida a presións de sectores do PSOE central e do PP, con Fraga á cabeza, e demanda ao Ministerio de Medio Ambiente que se opoña a ela rotundamente.
No momento actual , cando a fábrica quere vulnerar a Lei de Costas e o Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), só cabe o peche definitivo do grupo pasteiro na súa actual ubicación e comezar canto antes vías de diálogo para solucionar os problemas derivados disto,  incluíndo a posibilidade de traslado a unha localización onde non ocasione un impacto ambiental inasumíbel. Un erro histórico, como a ubicación desta fábrica, só se corrixe cunha rectificación, as ilegalidades só levan á confusión e a perpetuar os problemas.
Adega