O Festival Via Stellae pfrece 19 concertos de artistas galegos e europeos no seu 10º aniversario
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/via_stellae_2015.jpg)
“A calidade, a variedade, a vitalidade e a novidade converten o Via Stellae nunha referencia musical imprescindible na axenda cultural de Galicia”, afirmou Anxo Lorenzo, quen destacou a consolidación o festival como “un referente do panorama musical”.
Este clásico do verán galego, organizado e promovido polo Concello de Santiago coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, desenvolverase un ano máis en diferentes escenarios composteláns, que van do Teatro Principal ao Salón Teatro, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Hostal dos Reis Católicos, o Paraninfo e Igrexa da Universidade, San Domingos de Bonaval, San Fiz de Solovio e a Capela da Orde Terceira.
Programación de calidade, variada e heteroxénea
Un ano máis, o Via Stellae ofrecerá unha programación variada e heteroxénea a cargo de recoñecidos intérpretes e agrupacións do panorama europeo, que comparten cartel cunha destacada participación galega, no marco dunha edición que terá como protagonistas a música antiga e barroca. E é que, sen esquecer outras épocas e xéneros musicais, o festival renderalles homenaxe a algúns dos máis grandes mestres do Barroco e da historia da música: a Bach, Haendel, Vivaldi, Mozart, Monteverdi e, aínda que menos coñecidos, a compositores tan influentes como Domenico Scarlatti, Tarquinio Merula ou Antonio Soler.
Con dúas propostas moi singulares e atractivas arranca e finaliza o Via Stellae 2015. Compositor, pianista e músico de jazz aplaudido arredor de todo o mundo, o norteamericano Uri Caine ofrecerá un concerto cuxos contidos se coñecerán a propia noite da inauguración do festival, no Teatro Principal. Neste mesmo escenario, Fuoco E Cenere, ensemble liderado por un creativo e imaxinativo Jay Bernfeld, pechará a programación do décimo aniversario conectando música de onte, iconografía de hoxe (creada en directo polo ilustrador Fred Bayle) e historias eternas de loita contra a opresión.
Entre un e outro concerto desenvolveranse outras 17 citas, nas que os músicos e artistas galegos contan cunha destacada presenza, entre os que se inclúen os pianistas Brais González e Pablo Seoane, o poeta Estevo Creus; Diego Ares, o cuarteto Gallaecia Antiqva, Roberto Oliveira ou o arpista Manuel Vilas, quen tamén dirixe Ars Atlántica.
Ás ordes do seu director asociado Maximino Zumalave, a Real Filharmonía de Galicia tampouco faltará este ano á súa cita co festival, onde ofrecerá un intenso programa coas tres últimas e máis célebres sinfonías de Mozart que, se o tempo o permite, se celebrará nun dos patios do Hostal dos Reis Católicos, o Patio de San Xoán.
Achegas alternativas
Chegados de fóra de Galicia participarán no festival o Concerto Italiano e Rinaldo Alessandrini, La Galanía, Ana Maria Friman e John Potter, Manfredo Kraemer, Al Ayre Español e Eduardo López Banzo, Romina Basso, Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid e La Bellemont, entre outros. Ademais, o programa tamén contará, un ano máis, coa sección OFF#Stellae, a achega máis alternativa e que, cun total de seis propostas, terá como fío condutor a improvisación: outras músicas, outras visións, outros espazos etc.
Entradas
A entrada para 14 dos 19 concertos será de balde, previa retirada de invitacións no despacho do billetes do Teatro Principal, que estarán a disposición do público (cun máximo de 2 entradas por persoa e concerto) a partir do 11 de xuño. Se quedaran entradas o día do concerto poderán retirarse no propio recinto do mesmo desde unha hora antes de que comece. Os cinco concertos de pago (Uri Caine, Rinaldo/Ars Atlántica, Ímpetus, Al Ayre Español e Fuoco E Cenere) teñen un prezo cada un de 6 euros e pode adquirirse un abono para os cinco por 20 euros. As entradas poden mercarse a partir do 2 de xuño en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal.
Colaboran co festival o Consorcio de Santiago, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic, a USC, o Hostal dos Reis católicos e o Arcebispado de Santiago.
Programacións de música clásica
Ademais do Via Stellae, a Secretaría Xeral de Cultura vén apoiando outras programacións locais de música clásica, entre as que se inclúen o Ciclo de Lied de Santiago de Compostela, O II Festival Groba converteu Ponteareas, o Festival Hércules Brass Celanova, o Festival Internacional de Pulso e Púa Cidade de Cristal e o Festival Internacional Peregrinos Musicais, dedicado á promoción dos novos talentos musicais galegos e rusos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia