Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Eva Veiga gaña con Soño e vértice o XVIII Premio de Poesía Concello de Carral

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega da XVIII edición do Premio de Poesía Concello de Carral á escritora Eva Veiga, pola obra ‘Soño e vértice’. No marco do mesmo acto presentouse tamén o libro ‘O que precede a caída é branco’, poemario co que Oriana Méndez gañou a edición de 2014 deste certame, que conta co apoio da Consellería a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura.

No evento literario tamén participaron o alcalde da localidade coruñesa, José Luis Fernández Mouriño; Nacho Alonso, en representación do xurado; e o escritor e director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello. Xoán Curiel foi o encargado de pechar o acto cunha actuación musical.

O Concello de Carral, que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística, promove esta iniciativa co apoio de Cultura e Educación, que tamén colabora con outros certames poéticos dirixidos a promover a creación literaria en galego, como o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro; o Gonzalo López Abente, convocado pola fundación que leva o nome do escritor; o Xosé M. López Ardeiro, promovido polo Concello de Negreira; e o Premio de Poesía Novacaixagalicia, unha iniciativa desta fundación e do Centro PEN de Galicia.

Andaina do certame

O Premio de Poesía Concello de Carral iniciou a súa andaina en 1997 e hoxe constitúe un dos certames literarios máis prestixiosos de Galicia, dotado con 2.000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Espiral Maior.

No marco deste certame poético saíron do prelo, desde o ano 1997, as obras ‘Camiño de píntegas’ (1997), de Fernando Díaz-Castroverde; ‘Atlántida’ (1998), de Rafael Lema; ‘Días de Sherezade’ (1999), de Rafa Villar; ‘Epiderme de estío’ (2000), de Lucía Novás; ‘A árbore da cegueira’ (2001), de Baldo Ramos; ‘Derrotas’ (2002), de Eduardo Estévez; ‘Breviario de Aldemunde’ (2004), de Xurxo Alonso; ‘Cartas do terceiro día’ (2005), de Marcos S. Calveiro; ‘Esteiro de noites falecidas’ (2006), de Isidro Novo; ‘Nadja c’est moi’ (2007), de Xosé Luís Mosquera Camba; ‘Gramática da afirmación’ (2008), de Paulino Peña; ‘Nós escoitando o badalo en Marienplatz’ (2009), de Eli Ríos; ‘As crebas’ (2010), de Miro Villar; ‘Libro das mentiras’ (2011), de Enma Pedreira, ‘Teatro’ (2012), de Roi Vidal Ponte, ‘Cronoloxía da urxencia’ (2013), de Dores Tembrás e ‘O que precede a caída é branco’ (2014), de Oriana Méndez.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia