Agadic cofinancia o 15º macroencontro de cultura urbana O Marisquiño de Vigo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/o_marisquino_vigo.jpg)
O texto rubricado na Cidade da Cultura fai referencia a ‘O Marisquiño’ como a gran cita da cultura urbana no norte peninsular, na que se dan cita milleiros de afeccionados e profesionais das distintas disciplinas deportivas, que gozan tamén das diversas propostas culturais, sobre todo concertos musicais, que se inclúen neste evento.
Recoñece, así mesmo, o esforzo dos organizadores por contar cunha ampla participación nacional e internacional de calidade, así como pola transmisión de valores de xuventude, modernidade, amizade, creatividade e riqueza cultural, creando deste xeito unha marca con personalidade propia, construída desde a coherencia e a credibilidade e mediante unha ampla programación cultural.
O XV Festival ‘Arnette O Marisquiño’, desenvolverase no recinto portuario que abrangue a estación marítima e o peirao de transatlánticos de Vigo, onde se dan cita espectadores de todas as idades para seguir as actividades propostas.
Entre as previstas para este ano destaca a homenaxe que se renderá ao mundo do skate, disciplina que deu orixe ao evento hai quince anos, e que neste 2015 reunirá os ‘riders’ máis destacados do mundo, como encontro incluído por segundo ano consecutivo na World Cup Skateboard. As probas de pilotos de BMX Street, BMX Flatjam, Mountain Bike, B-Boying, Motocross-FMX, as demostracións de graffiti, as sesións dj’s, así como os concertos de carácter gratuíto que se ofrecen desde o seu escenario musical son os principais reclamos deste festival, cuxa programación completa será presentada en rolda de prensa este xoves en Vigo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia