Pedro Puy critica o anuncio dos futuros gobernantes das mareas que non cumprirán as leis que consideren inxustas

A preguntas dos xornalistas, Puy lembrou que “o sistema democrático ten en si mesmo unha certa capacidade de autorexeneración mediante a alternancia de distintas alternativas nos gobernos das institucións”.
“Esta alternancia ten lugar dentro dun contexto democrático, onde a lei froito da vontade popular ten que ser cumprida”, manifestou o portavoz popular. Neste sentido, referíndose ao anuncio da candidata de Barcelona en Comú de que “desobedeceremos as leis que nos parezan inxustas”, sinalou que “posiblemente estas persoas, que nun momento determinado poden entender que a vía máis democrática para avanzar é incumprir a lei, se decatarán de que iso é o máis antidemocrático”.
OBSERVAR, TOMAR NOTA E RESPECTO ÁS DECISIÓNS
Respecto das eleccións municipais celebradas o pasado domingo, Pedro Puy explicou que “en España a esquerda socialdemócrata está a atravesar unha crise que é aproveitada por plantexamentos máis radicais”. Nesta situación, “a novidade é a auxe que teñen estas esquerdas máis radicais e que o PSOE parece abertamente disposto a colaborar con este tipo de movementos, con certa incoherencia en relación ao que é o Partido Socialista e á visión socialdemócrata das institucións que tivo nos últimos 30 anos”
“Desde o Partido Popular observamos, tomamos nota e respectamos calquera decisión, porque o que nos importa é ter ao día o noso ideario e ter capacidade de comunicar con formas e modos diferentes, dado que estamos a facer moitas cousas que por distintos motivos non chegan á sociedade”, sinalou.
Así mesmo, Puy puxo de manifesto que “o Partido Popular está dando mostras de respecto ás opcións que elixiron os cidadáns nestas eleccións distintas á nosa” e como mostra foi que “felicitamos a todos os candidatos gañadores, aínda que teñan que formar pactos para gobernar, a pesar de que seguimos agardando a felicitación da oposición pola maioría que nos deu o pobo de Galicia nas eleccións autonómicas”. “Neste ámbito das leccións de saber perder e saber gañar, creo que temos pouca marxe por parte duns partidos que nin sequera cumpriron ese trámite protocolario, que no noso caso reflicte o fondo respecto polo voto dos cidadáns”, engadiu.
O portavoz popular apuntou que, a partir do momento no que nas distintas corporacións cabe a posibilidade de alcanzar acordos para garantir a estabilidade das institucións, “respecto calquera iniciativa que adopte un compañeiro de partido que encabece a lista máis votada co fin de garantir a gobernabilidade, e nese xogo democrático cada formación política é libre de apoiar a maioría que considere oportuna para dirixir un concello ou deputación”.
Gabinete de Comunicación do PPdeG