As novidades editoriais de Galicia, protagonistas da Feira do Libro en Ourense
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/feiras_libro_galicia_2015.jpg)
A Escola de Danza da Deputación de Ourense foi a encargada de abrir o acto de inauguración da feira, no que tamén interviron a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; o presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García Mosquera; o alcalde en funcións de Ourense, Agustín Fernández; e o escritor Alfonso Vázquez Monxardín, que foi o encargado de ler o pregón.
Na súa intervención, Anxo Lorenzo asegurou que Galicia “conta cunha oferta da mellor calidade bibliográfica, en canto a contidos, capacidade creadora e ambición editorial, que queremos dar a coñecer, xunto con diversas propostas para todas as idades centradas no libro e na dinamización da lectura”.
Ao longo da semana, a rúa do Paseo será o escenario de contacontos, obradoiros, propostas musicais e teatrais xunto con presentacións e sinaturas de libros con autores como Vázquez Monxardín, Patricia Cachero, Ramón Caride, Alejandro Mínguez, Ramón Caride, Pablo Rubén Eyre e Manuel Blanco Desar, entre outros. A este amplo programa contribuirá a Biblioteca Pública de Ourense, xestionada pola Consellería de Cultura e Educación, que conta cun espazo propio ao tempo que promove distintas actividades lúdicas para o estímulo da lectura.
Xunto coa biblioteca, tamén contan cun stand na feira A Serpe Edicións, Libraría A Nova, Libraría Cartabón, Libraría Espazo do Lector Nobel, Libraría Infantil e Xuvenil Zampacontos, Libraría Káthedra, Libraría La Viuda, Libraría Padre Feijóo, Libraría Pedreira, Libraría Platero, La Librería e a Deputación Provincial de Ourense.
Calendario 2015
Baixo o lema ‘A historia en letras’, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde –ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio–, as Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas ata o mes de agosto.
Logo do seu paso por Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense, as feiras chegarán, xa no verán, a Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. En agosto regresará a Feira do Libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.
O calendario das Feiras do Libro de Galicia está accesible na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia