Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Adega edita un monográfico sobre auga e sustentabilidade

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), dentro da colección ADEGA-Cadernos, editou unha monografía sobre auga e sustentabilidade. Esta publicación encádrase no traballo que ADEGA vén desenvolvendo na nosa terra a favor da chamada Nova Cultura da Auga. Esta filosofía entende os ríos como corpos vivos dinámicos e complexos e non como simples colectores de auga. Supera a visión puramente produtivista e defende a preservación dos servizos ambientais, as funcións sociais e os valores culturais dos ríos.
O número ábrese cun traballo do historiador Afonso Sánchez sobre a percepción sociocultural da auga pola sociedade galega tradicional. Continúa cun artigo dos hidrobiólogos e profesores da Universidade de Santiago (USC) Fernando Cobo e Marcos González no que se fai unha descrición dos impactos ambientais que os usos actuais da auga están a causar nos ecosistemas acuáticos do noso país. Estes expertos afirman que a realidade está lonxe da visión idílica de que os ríos galegos gozan de boa saúde.
O ADEGA-Cadernos Auga e sustentabilidade presta atención á prevención do consumo da auga e da súa contaminación, con exemplos e alternativas centradas tanto no sector industrial como no doméstico. Francisco Omil Prieto, profesor de Enxeñaría Química da USC, aborda a implantación de tecnoloxías limpas no sector conserveiro de produtos mariños. A química Virxinia Rodríguez e o pedagogo Ramsés Pérez, de ADEGA, presentan medidas prácticas para reducir no fogar o consumo de auga e o volume de augas residuais, así como para evitar a contaminación desta, medidas que tamén en Galiza teñen todo o sentido.
Por último, Manuel Soto, profesor de Enxeñaría Química da Universidade da Coruña, avalía as alternativas de xestión e tratamento de augas usadas, eido de grande importancia no que se refere á sustentabilidade. O saneamento descentralizado e as tecnoloxías naturais e de baixo custo presentan grandes posibilidades de aplicación en Galiza, ao tempo que un balanzo ambiental mui favorábel en aspectos como o consumo enerxético e a xeración de lodos, que son algúns dos inconvenientes dos tratamentosconvencionais. A recuperación dos recursos contidos nas augas residuais (nitróxeno, fósforo, potasio e outros fertilizantes, enerxía na forma de biogás, etc) son outros obxectivos do saneamento sustentábel.

 
Adega