A música de Uxía & Narf, Roberto Sobrado Grupo e Carmen Boza, protagonista no Salón Teatro de Compostela
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/carmen_bouza_cartel.jpg)
Uxía e Narf subiranse a este escenario compostelán dentro do ciclo Sons’15, promovido polo Concello de Santiago, para lle achegar ao público o resultado desta colaboración, que xorde a raíz dunha xira sudamericana que compartiron na primavera de 2014. Agora, estes dous grandes da música de Galicia funden os seus respectivos repertorios e presentan varios temas novos nun espectáculo intimista, no que todas as cancións teñen detrás unha historia relacionada cunha viaxe, cun encontro ou cunha experiencia vivida a través da música.
Homenaxe a Os Resentidos
O xoves 11 será a quenda para a presentación doutro novo disco galego, ‘Atlas de anatomía’, o quinto do intérprete e compositor Roberto Sobrado, quen para este concerto contará cunha banda reforzada por varios artistas convidados. Entre eles, atoparanse moitos dos músicos de Os Resentidos, tanto da antiga como da última formación, de xeito que tamén haberá lugar para unha pequena homenaxe á banda viguesa dos oitenta.
Así mesmo, Carlos Blanco, Abe Rábade, Xosé Constela ou O Leo e Arremecághona, entre outros artistas, compartirán escenario con Roberto Sobrado neste concerto especial, que será gravado coa previsión dunha posterior publicación en liña.
A terceira cita musical da semana no Salón Teatro virá tamén da man do Concello de Santiago como parte do seu ciclo Íntimo&Acústico. O venres 12 a cantautora gaditana Carmen Boza ofrecerá en Santiago unha das últimas actuacións da súa xira estatal con ‘La mansión de los espejos’, o seu disco de debut, que foi financiado a través dunha campaña de micromecenado e co que se situou entre os traballos máis vendidos en iTunes.
Venda de entradas
As entradas para estes tres concertos están xa á venda a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como na billeteira do Teatro Principal, aberta ao público de 18.00 a 21.00 horas. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das actuacións.
A programación da semana na sede do Centro Dramático Galego completarase coa estrea de ‘Solo ante la Peligros’, o novo espectáculo do Grupo de Teatro de Down Compostela, baixo a dirección de Lucas Herrador. As funcións terán lugar o sábado 13 e o domingo 14, ás 20.00 horas, e os convites poderán retirarse na billeteira do Salón Teatro a partir das 18.00 horas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia