A Deputación e o Concello de Ourense apoian que o COB sexa equipo da ACB
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/apoyo_cob.jpg)
Xunto ao novo rexedor municipal e ao presidente do COB, Antonio Gavilanes, Manuel Baltar felicitou ao consello de administración e á directiva do COB polo traballo que están a facer e dixo ”sentirse orgulloso”, como presidente da Deputación, como ourensán e tamén como expresidente do COB, de que tamén o Concello de Ourense se sume a este apoio en favor do club para que sexa equipo da ACB “porque sei o importante que isto é para a cidade e para a provincia, porque estar na ACB nos sitúa noutra dimensión deportiva, e por iso quero expresar a miña felicitación ao alcalde de Ourense por cambiar, nas 24 horas que leva á fronte do Concello de Ourense, unha política en branco e negro por unha política en cor, e tamén por ser valente, porque estar na elite do baloncesto europeo non é calquera cousa”.
O presidente do goberno provincial afirmou que o ascenso “acadouno primeiro o equipo na cancha e agora as institucións amosamos neste momento que temos claro que o futuro pasa por estar no máximo nivel competitivo”. Baltar reafirmou que como accionistas do COB, o feito de que se dera este paso “fala da cooperación nun proxecto común chamado “Ourense”, no que non hai ningunha distinción e simplemente o que se pretende é levar con orgullo o nome da nosa cidade e da nosa provincia polas mellores canchas de España e responder a esa ilusión colectiva que se xerou na cidadanía para levar a Ourense con letras maiúsculas alí onde esteamos”.
Manuel Baltar rematou dicindo que todas as verbas “teñen que ser de felicitación para o alcalde por sintonizar perfectamente co que demanda a cidade e a provincia, e por contribuír a situarnos entre todos nesa nova dimensión deportiva, económica e social que Ourense merece, pola que apostou, e que hoxe se materializa no Salón de Plenos do Concello de Ourense”.
Concello:
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, compareceu no Salón de Plenos, xunto ao presidente e ao vicepresidente do Clube Ourense Baloncesto, así como o presidente en funcións da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O motivo foi dar conta do acordo acadado tras unha intensa mañá de reunións con técnicos municipais para analizar a situación do COB, co que este ano a cidade de Ourense viviu un dos seus máis importantes éxitos deportivos co ascenso de Club Ourense Baloncesto á liga ACB, a considerada a máis importante liga de baloncesto de toda Europa.
Jesús Vázquez manifestou que quixo que a súa primeira reunión de traballo no Concello fora coa directiva de Club Ourense Baloncesto, para felicitarlles por este grande éxito deportivo acadado este ano e expresarlles a vontade deste alcalde e do seu goberno municipal de prestar o apoio deste Concello para que poda xogar a próxima temporada na Liga ACB.
Explicou o alcalde de Ourense que hai unhas estrictas condicións establecidas pola Liga para aceptar a inscrición dos equipos que acadan o ascenso deportivo, coma neste caso Ourense, e que requiren uns compromisos económicos moi importantes.
“A directiva do COB trasladounos a vontade de ABanca de conceder dito financiamento se había un respaldo por parte das institucións: Concello e Deputación de Ourense. A vontade deste alcalde e deste goberno municipal é inequívoca: apoiar ao club e que Ourense poda estar a próxima temporada na Liga ABC”, explicou Jesús Vázquez. “Así, esta mañá mantuvimos unha xuntanza co interventor municipal, e o servizo de asesoría xurídica para materializar dito apoio. Froito desta xuntanza, redactamos un documento que plasma ese compromiso, esa vontade política de apoiar ao club neste momento, desenvolvendo os trámites precisos desde a institución municipal para dar o respaldo económico ao club para que poda xogar na liga ACB. Un compromiso coma este require dunha tramitación administrativa e o apoio da maioría da Corporación. O goberno municipal promoverá ese respaldo, e así o garantizamos neste documento”, analizou o rexedor ourensán.
Por último, Jesús Vázquez manifestou a súa confianza en que que ABanca “acepte este compromiso e a Liga ACB conceda a Club Ourense Baloncesto esa praza na liga que este ano por méritos propios se gañou este equipo e a súa afición”.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense + do Concello de Ourense