O PPdeG defende instrumentos financeiros para apoiar a autónomos, emprendedores e pemes
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/pedro_puy_rp_mayo2015.jpg)
Ao remate da Xunta de Portavoces, Pedro Puy informou que, antes da celebración da sesión plenaria ordinaria, terá lugar un Pleno extraordinario para a elección dun senador en representación da Comunidade Autónoma, cuxa proposta corresponde ao Grupo Socialista de acordo coa normativa vixente.
Vacantes no Consello de Contas
A continuación, e como primeiro punto na orde do día da sesión ordinaria, procederase á elección de tres conselleiros ou conselleiras do Consello de Contas, postos que levan varios meses vacantes por renuncias ou defuncións. O portavoz popular manifestou que o Grupo Popular avoga por persoas con “perfís profesionais independentes, compatibles tanto coas funcións que ten o Consello de Contas na actualidade como as que vai asumir coa reforma da Lei que o regula”.
En resposta aos grupos minoritarios da oposición, Pedro Puy negou que este proceso se estea facendo de costas ao Parlamento, porque “se están cumprindo todos os trámites previstos na Cámara”. Sobre a proposta de Milagros Otero para Valedora do Pobo, lembrou que “procedemos ao rexistro da candidatura e posteriormente fixemos pública a noticia”.
Institucións autonómicas
“Se o argumento é que hai un intento de afortalar as institucións autonómicas dun réxime que está en descomposición, entendo que o que queira descompoñer o réxime se sinta máis cómodo con institucións nas que non se producen as renovacións que marca a norma e de acordo cos mecanismos que marcan as normas”, manifestou Puy. “Nós entendemos que é bo para a comunidade autónoma e para as institucións autonómicas, porque estamos pola labor de afortalar as institucións autonómicas de control do Goberno autonómico”, engadiu.
Así mesmo, negou que o procedemento para a elección da nova Valedora do Pobo sexa “escuro” e explicou que esta candidatura vai ser debatida na Comisión de Peticións e posteriormente será votada a nominación polo Pleno da Cámara, onde precisará dunha maioría de tres quintos para saír adiante.
Respecto da candidatura de Milagros Otero para Valedora do Pobo, Pedro Puy considerou que é unha profesional “moi axeitada para poñerse á fronte dunha institución que está a cumprir un papel moi relevante na Comunidade galega”, porque “procede do mundo académico, ten un criterio independente e está especialmente interesada e especializada en cuestións relativas aos dereitos humanos”.
Por outra banda, Pedro Puy avanzou un “Pleno longo” para a vindeira semana, no que se van debater 29 puntos na orde do día. “Destas iniciativas, dúas son a proposta do Goberno, catro do Grupo Popular e o 80 por cento restante corresponden aos grupos da oposición, polo que a Cámara traballa e o fai a impulso de todos os grupos, pero con especial atención ás tarefas de control por parte da oposición”, apuntou.
A sesión plenaria inclúe o debate para a súa aprobación da proposición de lei de dereitos e garantías da dignidade dos enfermos terminais, así como o debate para a toma en consideración da proposición de lei do BNG para a reforma da Lei de Caza de Galicia. A continuación, terán lugar a comparecencia aprazada do conselleiro de industria para dar conta do programa RIS3 e do conselleiro de Cultura e Educación para informar das novidades na regulación dos currículos de ESO e bacharelato en desenvolvemento da LOMCE.
Emprendedores e atención temperá
O Grupo Popular solicitou a incorporación de dúas proposicións non de lei. A través da primeira, solicítase á Xunta a posta en marcha dunha serie de instrumentos financeiros para apoiar os investimentos e o funcionamento operativo dos autónomos, emprendedores e pequenas e medianas empresas. “Estamos iniciando un proceso de recuperación económica e para afortalar este crecemento é fundamental que as empresas teñan acceso ao financiamento para ganar en competitividade e tamaño”, indicou Puy.
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno galego o desenvolvemento do Decreto 183/2013 polo que se crea a Rede Galega de atención temperá, unha iniciativa a través da que se establece unha cooperación entre os servizos sociais, sanitarios e educativos para atender aos nenos de 0 a 6 anos que están en situación de risco, de non aproveitar as súas capacidades e por elo teñen transtornos no desenvolvemento.
Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno sobre as medidas que ten previsto para protexer o dereito á vivenda das familias que están en risco de sufrir desafiuzamento e sobre a valoración que fai da Plataforma de Emprendemento Feminino.
O Grupo Popular propón a Milagros Otero como nova Valedora do Pobo
O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposta para a designación de Milagros Otero Parga como Valedora do Pobo.Nacida en Santiago de Compostela en 1960, Milagros Otero é doutora en Dereito pola Universidade de Santiago desde 1987 e profesora titular entre os anos 1989 e 2011. Na actualidade, é catedrática de Filosofía e Dereito da Universidade compostelá, coordinadora da Facultade de Dereito para os convenios bilaterais con Latinoamérica e secretaria do Programa de Doutorado de Dereito.Otero Parga foi a primeira muller académica numeraria da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia, así como a primeira muller catedrática de Filosofía do Dereito en Santiago e a primeira e única muller decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Tamén exerceu como secretaria da Comisión de Doutorado e terceiro ciclo da Universidade de Santiago. Entre os recoñecementos que recibiu, ten no seu poder a Medalla de Prata de Galicia, a insignia de ouro da Facultade de Dereito e a insignia de ouro da Universidade de Santiago. É asesora académica da Comisión de Dereitos Humanos do Estado de México e da Escola Xudicial deste mesmo Estado, organismo que tamén a nomeou Magister Honoris Causa.Milagros Otero é profesora invitada nalgunhas das más prestixiosas universidades americanas en Bos Aires, Santiago de Chile, Sao Paulo e Montevideo. Asidua visitante de México, foi conferenciante nas Universidades Iberoamericana, Panamericana, Anahuac, Intercontinental, Autónoma do Estado de México, Instituto Tecnológico de Monterrey, Universidade Xudicial de Durango e Popular Autónoma del Estado de Puebla.Entre os seus libros e artigos publicados figuran Estudios de Derechos Humanos: Introducción a los Derechos Humanos, Objeción de conciencia y Ética judicial; y Dignidad y solidaridad. Dos derechos fundamentales. Na actualidade, os seus campos de estudio son a argumentación xurídica, dereitos humanos e mediación.
Gabinete de Comunicación do PPdeG