Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo de Lugo recibe o cadro Retrato de Mª Pura Ezcurra Carrillo, orixinal da pintora Xulia Minguillón

O Museo Provincial de Lugo recibe un novo cadro da pintora lucense Julia Minguillón. Trátase da obra Retrato de Mª Pura Ezcurra Carrillo, un óleo de 164 x 110 centímetros pintado pola artista lucense en 1955, que foi doado ao Museo lucense pola familia da retratada e que pasa a engrosar así a importante colección que a pinacoteca lucense atesoura de Julia Minguillón, artista luguesa que foi a primeira muller en recibir a Medalla de Belas Artes no ano 1941.

O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou esta mañá na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos no acto de recepción da obra, que foi doada ao Museo lucense xunto a outras catro obras doutros tantos artistas contemporáneos que formaron parte da exposición Olladas e que reflexionan coas súas creacións sobre a figura de Julia Minguillón.

En concreto, trátase das creacións de Paz Vicente de Benito Na pel de Xulia (fotografía-instalación de 145 x 100 centímetros), Benjamín Santín Carballada Idea visualizada (acrílico sobre lenzo de 65 x 54 centímetros), Luz Darriba Velos e des-velos (obra multidisciplinar sobre lenzo de técnica mixta de 50 x 70 centímetros) e Mónica Mura Sas Diosas. Miradas, sa aréntiza mea (composta por 10 obras de técnica mixta). Acompañaron ao responsable de Cultura da Depuación os catro artistas así como a comisaria da exposición e xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; e a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro.

47 miradas diferentes sobre o papel das mulleres na sociedade

O proxecto Olladas centrou na edición deste ano o seu foco de atención na obra A miña familia, realizada por Xulia Minguillón no ano 1944. En A miña familia, a pintora nada en Lugo no 1906 e falecida no 1965 en Madrid ofrece unha visión sobre a súa propia familia nun momento histórico moi concreto e ben diferente ao actual.

Un total de 47 artistas participaron nesta exposición, inaugurada no pasado mes de marzo, ofrecendo 47 miradas diferentes sobre esta obra de Xulia Minguillón e reflexionando sobre a figura e o tempo, tendo como referente a familia e a muller. A través destas obras coñecemos os momentos históricos e o papel que xogou a muller na construción da sociedade. Na sociedade actual, a construción da familia cambiou en consonancia cos cambios sociais e, hoxe en día, existen diversas formas e conceptos de familias, a diferenza dos modelos tradicionais de familias que representa a obra de Xulia Minguillón.

A exposición, clausurada hoxe, contou cos seguintes artistas: Edu Albo, Patricia Arellano, Pilar Boullosa, José Caamaño, Félix Carpio, David Catá, Iria Cortizo, Luz Darriba, Roi Domínguez, María Xosé Domínguez, Yolanda Dorda, Iago Eireos, Mauro Leivas, Martín Lestao, Germán Limeres, Juan José Lomarti, Paula López Vallejo, Miguel Anxo Macía, M. Manxela, María Nogueira, Paula Noya, Renata Otero, Alberto Pena, Paco Pestana, Laura Piñeiro, José Reigosa, Benjamin Santín Ben, Verónica Vicente, Paz Vicente e Fernando Yáñez.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo