Tres vetaranos recoñecidos do sector conversarán na Feira Corazón de Artesanía sobre a súa longa experiencia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/alfarero.jpg)
Trátase dunha serie de conversas con expertos artesáns, cuxa longa traxectoria profesional vén marcada pola aprendizaxe no obradoiro familiar, que foron forxando a súa mestría ao longo de toda unha vida de traballo dedicada ao oficio e que hoxe en día están considerados figuras de referencia nas súas respectivas especialidades e mestres de moitos dos profesionais que se foron incorporando ao sector da artesanía.
O cesteiro Antonio Suárez Dávila (Vigo) será o encargado de abrir estas conversas, a partir das 11:30 horas. Antonio vén dunha familia dedicada á cestería, aprendeu o oficio de neno e dedicou a súa vida á elaboración de cestos e á formación de profesionais e afeccionados. As coleccións de cestería tradicional de todas partes de Galicia que alberga o Centro de Artesanía Tradicional de Vigo e tamén o Museo do Mar, son froito do traballo de investigación e de recuperación levado a cabo por Antonio Suárez, referente inequívoco da cestería galega. Actualmente ten a súa tenda – taller na Rúa dos Cesteiros do casco antigo de Vigo e algunhas das súas pezas forman parte da colección de Artesanía de Galicia que se está a presentar nas feiras de decoración Tent London (Reino Unido) e Formex (Suecia).
Ás 12:00 horas, o zoqueiro Alfonso Ferro, de Merza (Vila de Cruces) falará sobre a súa traxectoria no taller familiar de elaboración de zocos, exemplo claro da evolución dun oficio tradicional, e que este ano 2015 cumpre 100 anos en activo. Grazas á combinación da marroquinería coa elaboración dos zocos, este taller conseguiu non só manter vivo un oficio tradicional e convertelo no seu modo de vida, senón modificar o uso tradicional do zoco creado para cubrir unha necesidade básica e convertelo nunha peza adaptada ás tendencias actuais da moda, chegando mesmo a ver o seu labor recoñecido co Premio Artesanía Contemporánea Antón Fraguas no ano 2010.
Aparicio Añón (Malpica de Bergantiños) falará a partir das 12:30 sobre o seu traballo nun dos catro centros de olería tradicional aínda activos hoxe en día en Galicia, Buño. Aparicio é na actualidade o oleiro de Buño máis antigo que se dedica a este oficio tradicional e o mestre de referencia para a maioría dos oleiros que comezan coa súa formación. No seu taller de olería combina as formas tradicionais con outras de novo deseño e ten participado en diferentes eventos de carácter internacional baixo a marca Artesanía de Galicia.
As conversas estarán conducidas por Pablo Quintana, fundador de Canela Producións editorial etnográfica, e estudoso e divulgador polifacético da cultura popular de Galicia e da zona occidental de Asturias.
O Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada do 3 ao 5 de xullo, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, formación especializada para artesáns e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, exposicións ou obradoiros de artesanía abertos ao público.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia