Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O PPdeG nega que exista caciquismo nas deputacións provinciais gobernadas por esta formación política

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, rexeitou as acusacións de caciquismo realizadas cara aos gobernos do PP nas deputacións provinciais e, referíndose ao suposto acordo de PSOE e BNG para gobernar a Deputación de A Coruña, puxo como exemplo que nesta institución se aprobaron no último mandato 1.637 asuntos, dos que o 89 por cento saíron adiante co apoio unánime de PP, PSOE e BNG.

“Convido aos que din que hai caciquismo nas deputacións gobernadas polo Partido Popular a que cando rematen o seu mandato, se é que ao final chegan a un acordo para gobernar a Deputación de A Coruña, poidan render un balance de acordos como o que presenta o PP a pesar de contar con maioría absoluta dos membros nesta deputación”, indicou Pedro Puy.

Deixación de competencias

Pedro Puy concretou que durante o último mandato na Deputación de A Coruña “se levaron aos plenos 1637 asuntos, dos que foron aprobados por unanimidade de PP, PSOE e BNG un total de 1.458 asuntos, é dicir, máis do 89 por cento, entre os que se inclúe o Plan de Obras e Servizos”. Así mesmo, engadiu que o PSOE só se opuxo a 22 asuntos (1,34 por cento) e o BNG a 51 (3,16 por cento).

Ademais, e en referencia ao propósito do BNG de traspasar as competencias das deputacións provinciais á Xunta, Puy considerou que “haberá que ver se iso é viable, porque de entrada o normal é que haxa un acordo entre administracións”. “As deputacións son un poder local” e esta proposta “reflicte unha estraña situación, no sentido de que hai unha deixación das propias competencias ao mesmo tempo que se está a minorar o nivel competencial da propia administración local”, explicou.

Posición dominante das distribuidoras

Cuestionado sobre a situación do sector lácteo, o portavoz do Grupo Popular sinalou que “se hai algo no que non hai nada parecido a un mercado libre é este sector, onde o problema deriva da existencia de acordos ou dunha posición dominante de monopolio por parte dos compradores do produto final, mentres que os provedores teñen moita dificultade para coordinarse e facer fronte a uns prezos que veñen determinados pola posición dominante que teñen as empresas que compran leite”.

Puy destacou o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia en colaboración cos produtores do leite para conseguir mellores prezos e subliñou que se conseguira que todo o leite se recollese. “A Xunta está a facer todo o posible para que os produtores de leite poidan vender a un prezo razoable e de acordo co que sería un mercado no que os prezos se determinasen en función da oferta e a demanda, e non veñan determinados polos intereses das grandes multinacionais comercializadoras do leite”.

“Confiamos que estas xestións que ven facendo a Xunta culminen cun acordo satisfactorio e o sector gandeiro se sobrepoña a esta crise, que ten que ver con prácticas alonxadas do que é un funcionamento dun mercado onde a oferta, a demanda e os custes de produción determinen os prezos”, apuntou.

O BNG confía en asinar un programa marco de consenso co PSdeG

O BNG considera que será posible presentar “de xeito detallado” un programa marco de consenso co PSOE para as deputacións, tras os avances logrados polas comisión negociadoras de ambas formacións políticas que, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, “recolle os obxectivos esenciais” postulados polo Bloque de “adelgazar” os entes provinciais e “democratizar” o seu funcionamento, mentres se avance cara a súa desaparición.

No primeiro aspecto, o documento pactado postula a transferencia de competencias cara a Xunta e cara os concellos mentres que, a segunda cuestión, se traduce sobre todo na redución do presidencialismo a favor da toma de decisión desde os órganos colexiados e limitar ao máximo o uso discrecional de fondos vinculada á figura do presidente/a. Igualmente, acordos para que a distribución dos recursos ser realice con criterios obxectivos, de equidade e de reequilibrio territorial.

Vence subliñou tamén a importancia de “visualizar” un goberno “máis transparente” que para o BNG pasa por reducir “o protagonismo” da Presidencia a favor do conxunto das diferentes áreas das deputacións. E insistiu en que no caso da Deputación da Coruña as outras forzas políticas alternativas ao PP, -Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños-, “deben formar parte da negociación do organigrama da Deputación e compartir con eles o programa de goberno”.

De feito, o dirixente nacionalista fixo fincapé en que a posición que adopten estas formacións será “importante” no deseño final do organigrama, “que ten que amosar a pluralidade”. “Deben intervir e manifestar as súas preferencias sobre cal debe ser a composición final dese organigrama da Deputación da Coruña e deben terzar na propia Presidencia da Coruña e expresar cal é o perfil do presidente/a que prefiren”.

Preguntado pola visita do secretario xeral de Pablo Iglesias, Vence reiterou que Galiza precisa unha alternativa construída desde aquí que “ilusione” a toda a cidadanía que quere que o país teña unha voz propia e soberana no Congreso dos Deputados.

A proposta de Iglesias “está pensada para reforzar o proxecto estatal de Podemos, -reiterou-, pero non para defender os intereses de Galiza”. Neste sentido, pediu “rigor” cando se fala de ter grupo parlamentario propio galego en Madrid, e lembrou que a única maneira, co regulamento do Congreso na man, é a través dunha candidatura con personalidade xurídica propia desde Galiza, algo imposible coa proposta de Iglesias de concorrer baixo a marca Podemos-outra cousa, ao que habería que sumar que esa fórmula implica ir co programa electoral que determine esa formación.
Gabinete de Comunicación do PPdeG + Gabinete de Comunicación do BNG