Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O BNG di que o PP non admite ningunha enmenda á Lei de estradas, como a que demandaba a transferencia da AP-9

O PP rexeitou no Congreso todas as emendas presentadas polo BNG ao proxecto de lei de Estradas, entre elas a emenda que pedía a transferencia da AP-9 á Xunta.

A deputada do BNG, Rosana Pérez fixo un resumo das propostas do BNG a este proxecto de lei, subliñando que “a actualización da Lei de Estradas debe contribuir a unha segunda fase de transferencia de estradas que pasan íntegramente polo territorio galego, como é o caso da autoestrada AP-9, unha infraestrutura viaria que vertebra Galiza de norte a sur, e cuxo traspaso é unha vella demanda”.

A petición do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario da Cámara. Lembra a deputada nacionalista que hai meses, cando “levamos a debate no pleno unha proposición na que instábamos a transferir a AP-9, o grupo popular baseou a súa negativa no feito de que ía entrar a tramitación a Lei de Estradas e que era o debate idóneo para introducir propostas como esta. Emprazándonos a facelo”.

O BNG logrou que se corrixa a toponimia deturpada que aparecen na Lei

Pois ben, conclúe, “fixemos caso, trouxemos esta demanda através dunha emenda á lei pero está claro que o PP prefire preservar os intereses de AUDASA, antepoñéndoos aos intereses da cidadanía galega.

No caso da transferencia de estradas estatais, Rosana Pérez reclamou que o traspaso destes viais vaia acompañado “da correspondente partida, xa que o estado resérvase o ingreso dos tributos, e as CC.AA e os concellos non teñen capacidade de atender o aumento de gasto que isto suporía”.

Por certo, no proxecto de lei de Estradas vulnerábase completamente a toponimia oficial de Galiza como Tui, Vilagarcía de Arousa, Ferrol ou Pasaxe que aparecían no proxecto coas deturpacións de:”El Ferrol, Villagarcía de Arosa, Tuy, Pasaje”, entre outros moitos. Rosana Pérez reclamou nunha emenda a corrección da deformación das formas toponímicas galegas, cuestión que se vai a correxir.

Rosana Pérez dixo que “a estas alturas, e despois de telo reclamado infinidade de veces por medio de iniciativas parlamentares, parécenos insultante que nunha documentación do estado aparezan formas deformadas como El Ferrol o Villagarcía”. Concluiu pedindo “respecto á toponimia oficial de Galiza”.
Gabinete de Comunicación do BNG