O I Congreso Internacional da Auga, na procura dun avance sostible do sector nas vindeiras xeracións
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/termatalia_2015_face.jpg)
Na organización do Congreso, amáis da área de Termalismo, o Concello de Ourense tamén estará representado pola concellería de Educación, cuxa titular, Belén Iglesias, comprometeuse a levar a educación da auga ás aulas de infantil e primaria. Completan a nómina de colaboradores do Congreso a Deputación Provincial e Expourense.
Ourense recibe este simposio co alcume de Capital Termal, e pretende vencellar a súa celebración a suma de sinerxias entre institucións públicas e empresas privadas, ligadas neste caso ao encontro da feira Termatalia. Neste sentido, a concelleira confiou no potencial investigador da Universidade e animou aos participantes a que sigan traballando, logo da súa celebración, “para conseguir os máis altos estándares de calidade de vida que nos ofreza o termalismo, especialmente en Ourense”.
A achega do Concello de Ourense é modesta no económico (6.000 euros), pero non no esforzo humano. O propio Concello será o protagonista en dúas das 80 comunicacións científicas do simposio: 'Monitorización do xacemento termal de Ourense por medio de pezómetros de control' e 'Emprego das tecnoloxías da información para xerar unha ferramenta de base lóxica e con alto poder de síntese que contribúe á xestión do xacemento termal da cidade de Ourense'. Expertos de países como Brasil, Arxentina, Portugal, Italia ou Estados Unidos participarán activamente no Congreso.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense