AGE propón un plan alternativo en modelo europeo que aposta pola vivenda social en réxime de alugueiro
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/vivienda_fachada_3.jpg)
A proposta que defende AGE sitúase no esteiro da maioría de países europeos. “No Estado español, a dotación de vivenda social en alugueiro é dun 1%. A media europea chega ao 18%”, explica Sánchez. En Alemaña acada o 57% do mercado de alugueiro, en Holanda o 47% e no Reino Unido o 20%. “Hai unha marxe moi ampla para elaborar un plan de vivenda galego que faga medrar a oferta de vivendas sociais en réxime de alugueiro”, engade, “de xeito estábel e duradeiro, non de maneira provisional, e con un orzamento axustado a ese obxectivo”.
Porque as medidas anunciadas pola Xunta no pasado Consello apenas son máis que “parches” que conciben o problema da vivenda “como unha cuestión conxuntural”. Pero a realidade, sinala Antón Sánchez, é que se trata dunha “eiva estrutural dun modelo que entende a vivenda como ben de investimento e non como un dereito humano”. “Será difícil que o mesmo Partido Popular que contribuíu decisivamente desde as institucións a inchar a burbulla inmobiliaria dos noventa e primeiros dous mil da agora solucións de fondo a unha problemática estrutural”, afirma.
Para proba, a maiores, do fracaso do tipo de políticas que prefire o PP de Feijóo, o parlamentario de Alternativa lembra plans absolutamente falidos como o chamado Realoxa. “Este programa da Xunta só realoxou 43 familias en dous anos. Nese mesmo período houbo 1.500 despexos de vivendas habituais”.
Experiencias semellantes á que agora que levar adiante o Goberno galego indican tamén que este tipo de medidas é absorbido polo mercado, que o fai repercutir nunha “suba xeral” do prezo do alugueiro. “Os propios beneficiados por estas axudas puntuais seguirán, nun futuro próximo, a ter problema de pagamentos”, di o deputado. Todo cando, ademais, o orzamento en materia de vivenda foi drasticamente retallado por Feijóo. “E o que é peor, fica nun baixo grao de execución, consecuencia do fracaso dos seus plans, programas e políticas”.
“Afrontar con minimedidas de propaganda, puramente cosméticas, o grave incumprimento do dereito constitucional á vivenda”, conclúe Antón Sánchez, “é tan inútil como pretender solucionar o problema dos incendios forestais facendo unha foto para os xornais cunha mangueira”.
Gabinete de Comunicación de AGE