Os grupos parlamentarios de BNG, AGE e Mixto, contra o pacto bipartidista PPdeG-PSdeG
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/bng_age_mixto.jpg)
O gran beneficiado da “reforma exprés” do regulamento será o PP, ao igual que sucede coa renovación dos órganos estatutarios e do consello da compañía de radiotelevisión de Galiza, que supón entregar o control do ente público ao partido de Feijóo. “A discrepancia do Bloque non é por unha cuestión de cotas, é por falta de transparencia”, subliñou o portavoz parlamentario.
Neste sentido, o BNG cualifica de “disparate” a posición do partido que lidera Gómez Besteiro e fai un chamamento ao PSOE “para que se plante e deixe de facer o traballo sucio ao PP”, tendo en conta, ademais, “o malestar” que existe tanto no grupo como no partido socialista, denunciou Jorquera.
AGE
O pacto entre Partido Popular e PSdeG para reformar o regulamento do Parlamento galego en dirección contraria á profundización na democracia e ao respecto á pluralidade e para se repartir postos nos órganos estatutarios e no consello de administración da CRTVG amosa, en palabras de Yolanda Díaz, “a indixencia moral do bipartidismo”. “O réxime que xa está en cuestión nas rúas e que saíu danado das pasadas eleccións”, engadiu a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), “é o que queren apontoar con estes acordos entre PP e PSOE”.
Nunha comparecencia conxunta de AGE, BNG e Grupo Mixto, Díaz explicou que se as dúas forzas do bipartidismo dan a lexislatura por esgotada, “o que teñen que facer é convocar eleccións”. Porque co pacto que a oposición denunciou esta mañá no Parlamento, “están poñendo límites á democracia, mesmo a democracia formal, xa non á material”. O novo regulamento da Cámara que PSdeG e PP pactaron ás agachadas dos escanos onde sentan a representación parlamentaria do pobo galego suporá, dixo, “unha mordaza á oposición”, ao reducir a capacidade de iniciativas e os tempos desta.
A viceportavoz de AGE, acompañada polo deputado Antón Sánchez, xunto a membros do BNG e Grupo Mixto, afirmou que “en todo caso, a oposición tamén se vai facer dende á rúa” e chamou á xente “a se rebelar contra os recortes antidemocráticos”. “Insisto, que convoquen eleccións. O cambio está xa en marcha e non o van dar parado”, concluíu.
Gabinete de Comunicación do BNG + AGE